Educación

A Xunta non cobre as baixas de profesorado de menos de 15 días

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, esta cuarta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

A CIG reclama a cobertura total das baixas nos centros educativos.

A CIG reclamou esta cuarta feira a cobertura total das baixas nos centros educativos e exixiu á Consellería de Educación que "pare de inmediato" co borrado sistemático das baixas solicitadas polos centros educativos. Nun comunicado remitido aos medios, a central sindical asegurou que "día tras día" a Consellaría "borra baixas" subidas polos centros de ensino, e así o denuncian profesoras e profesores nas redes sociais, que aseguran que as baixas solicitadas “desaparecen do sistema”.

“Chamamos a persoal e dixéronnos que só subirían a baixa á plataforma se lles garantimos que [a persoa] vai continuar de baixa despois do 5 de febreiro”, afirma unha docente en relación a unha petición de substitución do 23 de xaneiro. “Preguntáronnos se nos urxía!” cubrir a baixa, engade a profesora. “Cero preocupación pola rapazada e polas persoas traballadoras”, di.

“Como é posíbel que non haxa persoal substituto para cubrir unha vacante de Lingua Galega e Literatura que foi pendurada a pasada sexta feira no sistema??!!”, pregunta outra docente. “Hoxe [pola terza feira] outras vagas similares foron cubertas e adxudicadas. A nosa non aparece por ningunha parte”, sinala a profesora.

Vulneración dun dereito

A CIG sinala que, como xa denunciou na mesa sectorial do 14 de novembro de 2023 e constátase polo seguimento que fai diariamente desta problemática e nas numerosas queixas que lle chegan de persoal substituto, a Xunta da GAliza "elimina todas as baixas que non superen os 15 días no momento de ser cubertas".

Así mesmo, lembra á Consellaría que se un equipo directivo sobe unha vacante é porque a necesita, polo que "está a vulnerar o lexítimo dereito do alumnado e do centro educativo a recibir a atención que necesitan".

Todo isto, segundo indica o sindicato, "agrávase xa que só se chama dous días á semana para a cobertura das baixas, co cal unha vacante de 15 días subida unha terza feira pola tarde, no mellor dos casos, non sería cuberta até a sexta e a persoa substituta non se incorporará até a segunda feira, polo que o modo de proceder da Administración cando chega a sexta feira é borrala "para non facer un nomeamento por uns poucos días e aforrar custos en persoal, que é o fin último deste xeito de actuación".

Ademais, indica que as baixas se dan, salvo situacións extraordinarias por 15 días, co que a Consellaría pode borrar as prazas ao seu antollo. Por todo iso, exixe que se cubran todas as vacantes desde o día que empeza a baixa e que inmediatamente cese o borrado das prazas non cubertas, que non é máis que unha forma de tapar os trapos sucios da Consellaría de Educación.