A Xunta nomeou o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sen publicitar o concurso no DOG

Á esquerda, o novo responsábel da área de Pontevedra-O Salnés e ex xerente do Sergas, José Flores; á dereita, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Conchi Paz / Xunta)
A orde especifica que o posto é de libre designación, polo que a convocatoria é un "simple formalismo".

A Xunta da Galiza publicou esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a convocatoria para a provisión do posto de xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esta convocatoria faise pública case un mes despois de que o Goberno galego asignase ‘a dedo’ o posto a José Flores, en substitución de José Ramón Gómez Fernández.

Flores, que foi xerente do Sergas na pandemia e antes responsábel no 061, foi cesado do seu posto anterior a principios de agosto para pasar a ocupar inmediatamente esta nova praza.

De feito, o novo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de completar nestes días o seu equipo directivo, coa doutora Susana Romero como responsábel da Dirección Asistencial e a doutora Marta Ocampo na Dirección de Atención Primaria.

Non foi até o día de hoxe que o DOG recolleu esta convocatoria, que ten data do 6 de agosto. A ela poderíase presentar, cubrindo o formulario de inscrición, calquera persoa cunha titulación universitaria ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Porén, na propia orde especifícase que o posto da xerencia da área sanitaria é de libre designación. É dicir, un posto de confianza política designado pola Consellaría de Sanidade, polo que a convocatoria pública podería declararse deserta, ao tratarse dun “simple formalismo”.

Explicación da designación de Flores

Na rolda de prensa posterior ao nomeamento de José Flores como novo xerente da área sanitaria, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que apostou por Flores para Pontevedra porque "fixo moi bo labor" como xerente do Sergas, de modo que se tivo "especial coidado en acertar coa mellor persoa nunha área que necesita esa boa xestión".

Tamén subliñou a “capacidade” do antigo xerente do Sergas para facer fronte aos problemas en Atención Primaria, especialmente nun “momento tan complicado" como "sempre" foron as "épocas estivais".

Sobre o xerente saínte, Rueda detallou que que a marcha de José Ramón Gómez produciuse "a petición propia", e agradeceu "máis de cinco anos de intensísimo servizo".