A Xunta xustifica a campaña sexista do 'Antes muerta que sencilla'

[Imaxe da campaña]

"Poden gustar ou non, mais cumpriron co obxectivo de promocionar o pequeno comercio'', dixo no Parlamento a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. 


A Xunta de Galiza defende que as administracións públicas empreguen lemas sexistas nas súas campañas de publicidade sempre e cando estas cumpran co seu obxectivo. Ou polo menos esa é a mensaxe que transcende após a comparecencia da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, esta terza feira na Comisión Institucional do Parlamento Galego.

Á pregunta oral presentada pola deputada do BNG Carme Adán a respeito de se a campaña para promocionar o 'Coruña Wapa' era sexista, López Abella evitou en todo momento tal consideración embora botar man dunha definición de publicidade sexista en que esta aparecía caracterizada polo uso "do corpo das mulleres desvinculado do produto que se pretende promocionar".

No 'Coruña Wapa' unha modelo descansa nun banco e viste unha camisola que di Antes muerta que sencilla --ou La belleza está en el interior del vestidor, segundo o anuncio-- para animar @s consumidor@s a mercar no comercio local.

''Hai cousas moito máis importantes'' que o sexismo do 'Coruña Wapa'

"Vostedes teñen un órgano, a comisión asesora de publicidade, que pode convocar cando queira. Por que non se convocou?", preguntou Carme Adán. "Cremos na absoluta independencia municipal", insistíu Susana López Abella. "Cre vostede que esta publicidade é sexista?", continuou a deputada. "Pode gustar ou non, ser máis ou menos atinada no eslogan escollido, pero conseguiu o obxectivo que era axudar ás vendas do pequeno comercio", foi a resposta da secretaria xeral de Igualdade.

Susana López Abella dixo que un dos obxectivos do seu departamento é "remover os estereotipos que sustentan a desigualdade" e, de seguido, espetoulle a Adán que "tería gostado de que preguntase vostede por outros temas, pois hai cousas moito máis importantes" e acrecentou que "o realmente preocupante son as dúas mulleres que morreron en Galiza", en referencia a Elena Dumitru e Fátima Machado, veciñas de Lugo e Verín respectivamente e asasinadas este ano.

180.000€ de diñeiro público

"Para construír uns roles novos, como di, hai que comezar polo principio: rachando cos anteriores", enfatizou a deputada nacionalista ao tempo que reprochou a López Abella a responsabilidade de que "mozas e mozos estiveron semanas reafirmándose en que la belleza está en el interior del vestidor e que antes muerta que sencilla".  

A campaña, que supuxo un desembolso de 180.000 euros dos fondos públicos do Concello da Coruña e que recibiu até cinco queixas formais por alimentar ideas sexistas, "non pode gustar ou non gustar", dixo Adán a López Abella. E concluíu: "é moi grave que esa publicidade fora colocada por unha administración pública" porque "empregou frases moi desafortunadas" que reproduciron "roles tradicionais das mulleres entendidas como obxectos".