A Xunta nega que as choivas estean arrastrando cinza no Courel pese ás imaxes compartidas

Courel Vivo compartiu imaxes da choiva arrastrando cinzas polas ladeiras do Courel. (Foto: Courel Vivo)
"A Xunta segue sen facer nada para protexer as ladeiras e as aldeas do Courel", denuncia Courel Vivo.

A agrupación municipal de Courel Vivo denunciou que entre as xornadas da terza e cuarta feira as precipitacións arrastraron "toneladas" de cinzas e terra polas ladeiras do Courel, até chegar ás casas e ríos da contorna.

Pese a que a agrupación compartiu varias imaxes, a Xunta nega que isto tivese lugar, e apunta que, segundo a información que lle traslada o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, "non é certo que se produciran arrastres de toneladas de cinzas no Courel".

"Máis ben ao contrario, a choiva caída estes días contribuirá favorabelmente á recuperación do chan afectado polos incendios forestais", afirmou a Consellaría de Medio Rural.

Mentres, Courel Vivo, a través dun comunicado, criticou que despois dun mes do maior incendio na historia da Galiza desde que hai rexistros, que arrasou 11.100 hectáreas, "a Xunta segue sen facer nada para protexer as ladeiras e as aldeas do Courel".

"Seguen vendendo fume e prometendo axudas, que moitas quedarán no camiño, poñendo tantas trabas para acceder a elas", lamentou. A agrupación tamén reclamou medidas máis alá de "anuncios e fotos de políticos na zona".

Aliás, denunciou que, nos labores de extinción do incendio do Courel, "os medios foron escasos e chegaron tarde". "A isto sumouse a falta de organización por parte da Consellaría de Medio Rural", concluíu Courel Vivo.

Non autorizar a caza maior

Por outra parte, a Fundación Franz Weber insistiu esta quinta feira en que non se autorice o inicio da chamada "tempada de caza maior" despois do enorme impacto que tiveron os lumes forestais durante o último mes no país, con máis de 42.000 hectáreas afectadas e centos de miles de animais mortos segundo as estimacións do Goberno galego.

A ONG naturalista considera que "permitir estas batidas suporía un ecocidio, xa que que os animais sobreviventes seguen tratando de integrarse en terreos adxacentes aos abrasados polas chamas, competindo polos recursos con outras poboacións" e non están preparados para "intentar fuxir das balas dos cazadores".