Xunta e municipios retiraron máis de 22.200 niños de vespa velutina en 2022

Estímase que só se advirte entre un 20 e un 30% dos niños de velutina reais. (Foto: Nós Diario).
O plan de control desta especie invasora encarreira a súa cuarta edición en 2023. Só sete municipios da Galiza fican fóra deste programa asinado pola Xunta e a Fegamp.

"Agora no inverno parece que desaparecen, pero quedan as nais enterradas en calquera lado e axiña que se achegue a primavera empezarán outra vez a traballar". Xesús Asorei, portavoz do colectivo Máis que mel, avanza o espertar das familias anuais de vespa velutina. Após seren fecundadas, as que van ser raíñas permanecen agochadas entre as pedras ou baixo a cortiza dunha árbore.

De cada niño de velutina poden saír até 400 raíñas que se espallan pola contorna

Os niños que se ven agora con máis facilidade tras a caída da folla están baleiros e inactivos. Non son os que máis preocupan, por iso, aínda que o foron no seu momento. "Agora parece que non queda rastro delas pero pronto volverán revivir", insiste Asorei a respecto das velutinas. "Hai que ter en conta que de cada niño poden saír até 400 raíñas que se espallan pola contorna. Moitas é certo que morren, porque non superan as condicións climáticas, pero entre un 10 e un 20% sobreviven".

Serán as encargadas de facer os niños novos, que alcanzarán o seu momento de maior actividade no verán, coincidindo, coa época de maior proliferación da velutina e tamén, co nivel de alerta máis alto por parte da poboación.

Retirada de niños

En agosto do ano pasado, a central de chamadas de Atención e Información á Cidadanía 012, recibiu un total de 7.231 avisos para a retirada de niños desta especie invasora. Foi a cifra máis alta rexistrada, que se suma a outros varios miles de comunicacións xestionadas a través dos servizos de emerxencias 112 ou do chatbot complementario habilitado co mesmo obxectivo: retirar ou neutralizar os niños de velutina activos que comprometen a seguridade da poboación mais o futuro das colonias de abellas meleiras e doutros insectos polinizadores.

En 2022, a empresa pública Seaga, encargada de eliminar os niños no marco do Plan de loita contra a vespa velutina acordado pola Xunta da Galiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), retirou máis de 22.200, de media, uns 60 ao día, informou onte a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Desde a súa posta en marcha, en 2020, xa son 306 os concellos galegos que se adheriron a este programa "centralizado" contra a vespa asiática. Municipios como o de Carballo, na comarca de Bergantiños, lideraron a loita contra a velutina con traballos trampeo e retirada de niños hoxe son parte desta acción conxunta.

Trampeo primaveral

A coordinación é chave na loita contra esta praga, advirte Xesús Asorei. Desde as primeiras trampas cando comeza agromar a flor da camelia, "que é das primeiras que elas visitan" até a propia retirada dos niños. "Cada raíña que collamos agora nas trampas é un niño que se evita. É un pequeno parche, mais necesario, sobre todo se é coordinado polas administracións para obter mellores resultados".

Outro parche, di, é a eliminación dos niños no estío e no outono, a sabendas de que só se avista entre un 20 e un 30% dos que hai. "É unha boa práctica pero non permite avanzar moito no control dunha especie moi prexudicial para as abellas, o medio ambiente e a biodiversidade. Non hai unha solución definitiva, pero a investigación é un dos máis importantes. Pero é escasa e desordenada. A loita biolóxica sería un dos camiños a seguir", conclúe.

O dobre beneficio da transhumancia

Desde que se detectou por primeira vez na Galiza en 2012, a vespa velutina non fixo máis que ampliar o seu dominio. "Agora mesmo está asentada en toda a Galiza costeira e nos vales dos ríos, pero pódese ver en todos os sitios, só que nas montañas a súa presenza aínda é menor e non fai grandes estragos", asegura Asorei. É por iso que defende a transhumancia, unha práctica que consiste en trasladar as colmeas a lugares onde a presión da velutina "aínda é soportábel".

É unha técnica traballosa, recoñece, mais faise en todo o mundo. "Aquí tería sentido para evitar colapso das colmeas mais tamén para producir unha segunda colleita de mel: unha primeira en xullo, na costa e nas zonas baixas, e outra máis serodia nas zonas de montaña. E xa hai quen o está facendo". A velutina mata as abellas do mel pero tamén outros polinizadores, polo que o dano vai máis aló da apicultura. "Ameaza a ecoloxía".