A Xunta muda o protocolo Covid para as gardarías: así se xestionarán os casos

Imaxe de arquivo dunha escola infantil (Foto: Europa Press).
A ollos da CIG, o novo protocolo "esquece a casuística das escolas infantís".

A Consellaría de Política Social vén de informar ás escolas infantís da mudanza no protocolo de xestión de casos da Covid-19. Así, aplicará o mesmo que para os colexios e, deste modo, unha aula illarase cando os positivos confirmados superen 20% do total dos nenos e nenas e persoal docente dun mesmo grupo de convivencia.

O Goberno estatal e os seus homólogos territoriais acordaron que as aulas dos centros de ensino con rapazada de idades comprendidas entre 0 e 12 anos illaranse cando se produzan máis de cinco casos ou 20% da unidade.

A Xunta adaptou o protocolo de forma que sempre fecharán con 20% de casos, sen ter en conta os cinco casos.

Nas escolas infantís o alumnado non supera os oito menores nas franxas de 0 a 1 anos, as trece prazas na franxa de 1 a 2 anos e as vinte na de 2 a 3. Desta maneira, aplicarase sempre con 20% de casos.

Os centros deberán informar de todos os casos como até o de agora, pero só fecharán aulas ou centros cando se supere este nivel. En calquera dos casos, deberase informar á autoridade sanitaria, que será a encargada de decretar o peche da aula ou centro.

Cómpre lembrar que recentemente a CIG-Autonómica denunciou que este protocolo "está fóra de lugar" e que "esquece a casuística das escolas infantís".

"A maioría das crianzas son asintomáticas, polo que se unha delas é positiva e non illan as demais coas que tivo ese inevitábel contacto estreito o risco de contaxio incontrolado é grande. Moitos serán positivos e non o saberemos, e moitas traballadoras e familias de ambos os dous colectivos estarán afectadas. O que non quita que algún neno tamén enferme de gravidade", salientou o sindicato.