A Xunta monitoriza as reservas de fármacos empregados contra a COVID-19

Farmacia
A croloquina e a hidroxicloroquina, empregadas inicialmente para tratar a malaria e actualmente nas doentes contaxiadas por coronavirus, son receitadas a doentes de artrite reumatoide e outras doenzas auto inmunes. As farmacias só poderán repoñelos a medida que as pacientes que sigan un tratamento con estes fármacos os soliciten.

Hoxe, o Diario Oficial da Galiza publica o acordo, adoptado o 27 de marzo pola Consellaría de Sanidade, polo que se adoptan medidas relativas ao control da distribución e dispensación de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

Ambos englóbanse nos tratamentos empregados para tratar a infección da COVID-19. A Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios xa estabelecera un procedemento de distribución controlada das especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

Da malaria á COVID-19

A investigadora Elena Gómez Díaz, que lidera un grupo de investigación de epixenómica en malaria, explicou nun artigo para The Conversation do 18 de marzo que a cloroquina, e mais a hidroxicloroquina, derivada da primeira, é un fármaco empregado na prevención e tratamento da malaria desde que se comezou a comercializar en 1945.

Gómez Díaz a apunta a que o seu emprego “prolongado e masivo en moitos países do mundo”, desembocou no desenvolvemento de cepas resistentes do parasito que provoca a malaria, polo que o seu uso decaeu e non está recomendado. Porén, nos últimos anos comezou a aplicarse no tratamento de enfermidades auto inmunes como por exemplo a artrite reumatoide, doenza que padecen miles de galegas.

Tras o brote da COVID-19, varias investigacións levadas a cabo en China ou en Corea do Sur “rescataron” estes fármacos, propoñendo a hidroxicloroquina como “tratamento terapéutico antiviral” para tratar a enfermidade. Outras, levadas a cabo no Center for Disesase Control (Centro para o Control das Enfermidades) estadounidense apuntan ao potencial da cloroquina como medida preventiva contra o coronavirus en laboratorio.

O pasado 28 de marzo, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, dependente do Ministerio de Sanidade, anunciou a autorización de oito ensaios clínicos de medicamentos para a COVID-19. Un deles estudará o tratamento con hidroxicloroquina, antiretrovirais (empregados para tratar, entre outras enfermidades, a sida) ou unha combinación de ambos aplicado a profesionais sanitarias en contacto con doentes da COVID-19. No tratamento participan nove territorios estatais, 40 centros e un total de 4.000 traballadoras.

O Instituto de Saúde Carlos III tamén puxo en marcha outro ensaio no que tamén se analizará o uso deste fármaco derivado da cloroquina.

As medidas de Sanidade

Dentro das medidas para atender as necesidades de medicación a nivel hospitalario, á vez que se garante a continuidade dos tratamentos a doentes crónicos, a Xunta comezará a monitorizar as existencias das especialidades con cloroquina e con hidroxicloroquina nos almacéns.

Ademais, oficinas de farmacia só poderán solicitar a súa distribución no momento no que unha doente a solicite cunha receita do Sergas. Así, reporanse os fármacos a medida que se demanden. De maneira excepcional e temporal estas receitas non poderán dispensarse en formato papel.

O DOG inclúe que nas entregas non realizadas polas oficinas de farmacia as doentes deberán achegar un informe ou declaración da facultativa, prescriptora ou colexiada no que se xustifique a necesidade de comezar ou manter o tratamento con estes fármacos “para unha patoloxía ou patoloxías crónicas determinadas”.