A Xunta marca como obxectivo que este ano ardan menos de 16.000 hectáreas, catro veces máis que en 2021

Medio Rural pretenden que haxa menos de 411 incendios. 

O plan de loita contra o lume da Galiza (Pladiga) para 2022 inclúe novidades como a modernización do centro de coordinación, o aumento até ter 148 videocámaras -seis máis que en 2021- e a compra de novos drones. A Xunta fíxase o obxectivo de que non ardan máis de 16.187 hectáreas, cifra resultante da media da última década.

Así figura no Pladiga deste ano, documento provisional ao que tivo acceso Europa Press e que se prevé aprobar no Consello da Xunta da vindeira semana. Todo iso despois dun 2021 no que se queimaron 4.403 hectáreas, terceira cifra máis baixa no últimos dez anos.

Como outras metas, a Consellería de Medio Rural márcase que haxa menos de 411 incendios e que estes sexan de menos de 6,5 hectáreas de media. Espérase que 70% non supere o tamaño dunha hectárea de extensión.

O Pladiga mantén de forma global o dispositivo de medios do ano anterior. De tal forma, o documento de 2022 recolle no alto risco 19 medios aéreos da Xunta e entre 8 e 9 do Estado, do mesmo xeito que en 2021.

Se se elimina o valor máis alto e o máis baixo do últimos dez anos, a Xunta establece como fin non superar as 12.223 hectáreas arrasadas ao longo do actual exercicio.

Ademais, outro obxectivo é o de non superar as oito situacións de tipo 2 -aquelas que pon en risco casas- declaradas (en 2021 só foron tres). O tempo de reacción ante incendio quérese reducir de 21 minutos, á vez que se tentará baixar das 4 horas e 17 minutos o período medio para terminar cos lumes.

Renovación

De tal forma, o Pladiga recolle a aposta pola renovación do Centro de Coordinación Central, situado na capital galega, cun novo sistema de visualización. Tamén se vai a acondicionar un novo centro de coordinación provincial en Ourense, que permitirá visualizar en tempo real todos os incendios da zona. Contará cun lugar específico para o despregamento do Centro de Coordinación Operativa, área de reunións e videoconferencias.

Pola súa banda, as videocámaras aumentan de 142 (que xa cubría ao redor  70% do territorio) a 148, co seu emprazamento en 74 localizacións (tres máis) polo territorio. Haberá novas cámaras con detección térmica, que permitirá "detectar puntos quentes mesmo en situacións de escuridade total".

Así mesmo, compraranse 13 motobombas, vaise renovar o parque móbil de todoterreos, mellorarase a rede de puntos de encontro e modernizaranse os equipos, por exemplo a dotación de roupa técnica de inverno para os bombeiros forestais das 282 brigadas.

Outro dos puntos que figura neste documento é o de continuar coa elaboración da nova lei de loita integral contra incendios, que "está previsto que poida ser aprobada en 2022". O texto abordará cuestións como as figuras das "paisaxes mosaico", así como dar un impulso "decidido" á xestión das franxas secundarias -próximas a vivendas- mediante a actividade agrogandeira e a plantación de frondosas.

Pola súa parte, o Pladiga mantén de forma global o dispositivo de medios do ano anterior. De tal forma, o documento de 2022 recolle no alto risco 19 medios aéreos da Xunta e entre 8 e 9 do Estado, do mesmo xeito que en 2021.