A Xunta mantén a alerta por risco de inundacións en catro ríos galegos

O río Miño ao seu paso polos Peares, na Peroxa (comarca de Ourense), o pasado venres 20 de xaneiro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza mantén activo o plan especial ante risco de inundacións na Galiza (Inungal) con catro ríos – o Miño, o Mendo, o Mero e o Tambre – en situación de seguimento por superar o nivel de desbordamento.

Así figura na última actualización da situación nos ríos galegos facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112 Galiza) en relación ao plan Inungal.

O cese das precipitacións durante o venres e o sábado, 20 e 21 de xaneiro, respectivamente, permitiu que a maioría dos ríos que se atopaban en alerta por risco de alagamento desapareceran da listaxe.

Neste contexto, na demarcación Miño-Sil unicamente se atopa en situación de alerta o río Miño, ao seu paso pola Peroxa (comarca de Ourense) e Salvaterra de Miño (O Condado). Con todo, na Peroxa o río deixou de estar en risco alto.

En canto á demarcación Galiza-Costa, só quedan en risco os ríos Mendo e Mero en Betanzos (As Mariñas) e o Tambre en Oroso (Ordes).