A hostalería pide non ser culpada polas malas prácticas duns poucos

A Xunta limita as reunións a 25 persoas pola Covid-19 mais permite o lecer nocturno

Unha discoteca de Madrid aberta após o confinamento (Foto: Europa Press)
Algúns expertos consideran contraditorias as decisións do Sergas a respecto de limitar as participantes nunha reunión ao tempo que o ocio nocturno segue aberto. O sector empresarial asegura que está a cumprir todos os protocolos e exixe sancións para os empresarios que o fagan mal, para non gañar todos esa mala imaxe.

Ao inicio da semana e coa vaga de gromos da Covid-19 por toda Galiza, o Sergas apresurouse a publicar unha orde pola que se limitan as reunións a un máximo de 25 participantes. Porén, a Xunta segue a permitir que abran os locais de ocio nocturno, que noutras comunidades xa fecharon ou reduciron horarios por terse convertido nun foco de contaxios. Un exemplo da situación é a nova de que un porteiro de varios locais da comarca da Coruña deu positivo nas probas de coronavirus e a Consellaría de Sanidade está a buscar as persoas coas que puido ter contacto. Os empresarios defenden a apertura e exixen que se multen aqueles negocios que incumpran a normativa. 

Na orde publicada pola Consellaría de Sanidade a pasada segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) estabelécense como recomendación "limitar o número de asistentes aos mínimos posíbeis e que, en todo caso, non superen as 25 persoas”.

Esta decisión do Sergas contrasta co feito de que aínda se permitan as sesións e concertos no ocio nocturno do país. Polas normas que van xurdindo, a Xunta entende que os encontros poden ser foco de contaxios pero o gromo da Mariña foi estendéndose a través dos locais. 

Algunhas voces subliñan unha suposta contradición de Sanidade, pois noutras zonas do Estado xa optaron por fechar ou limitar os horarios das discotecas e pubs. O caso de Catalunya é o primeiro, mentres noutras autonomías están a vixiar horarios e impedir que os botellóns tomen as rúas e parques. 

Multas para empresarios que incumpran

Malia que para algúns expertos, a Xunta debería seguir eses exemplos e aplicalos na Galiza, o sector hostaleiro considera que non é preciso porque están cumprindo con todas as medidas impostas desde a Consellaría. 

"A xente está acudindo aos locais con ganas de liberarse un pouco e se fechan sería un problema económico", destaca o responsábel de ocio nocturno da Federación de Hostalaría de Pontevedra, José Luís Asenjo. 

Non ve motivo para recorrer ao fechamento porque "se están a cumprir as normas e a clientela xa se foi habituando á máscara". O presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, defende que "o ocio nocturno forma parte da solución, non é o problema, porque dentro dos locais estanse a cumprir as normativas". 

No caso dos botellóns e, mesmo se detectan incumprimentos por parte dalgúns empresarios, pide man dura para que non teñan que fechar todos os locais por culpa dunhas poucas persoas. "Ninguén ten máis preocupación que nós porque as normas se cumpran: a Policía ten que ser moi estrita e sancionar os que incumpran porque xogan coa saúde e os nosos negocios", resume Cañete. 

O seu homólogo na Federación de salas de festas e discotecas da Galiza, Samuel Pousada, afirma que "a maioría dos asociados decidiron non abrir" e os que o fixeron "teñen pouca afluencia" de xente.

En todo caso, exixe que "se faga un control e unha supervisión pero que non se condene o ocio nocturno desde o principio". Para os que incumpriron dando mala imaxe pide "que sexan castigados con dureza". 

Pola súa banda, o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, subliñou onte que vai ser "máis efectivo" manter a prohibición dos botellóns en espazos públicos que a clausura deste tipo de locais.

Os casos activos suben en 10, até os 242

Os casos activos da Covid-19 na Galiza subiron por quinto día consecutivo, ao rexistrarse onte 242 positivos, dez máis que o luns. Sanidade destacou que o maior incremento se deu na área sanitaria da Coruña, con cinco novos positivos, até os 63; mentres que na de Santiago rexistráronse catro novos positivos, até os 20. 

Esta cifra da zona compostelá coincide co gromo detectado na vila de Boiro. Trátase dunha familia co virus importado de Madrid. Os catro membros da unidade familiar están illados e controlados polas autoridades sanitarias. En Vigo sumáronse tres máis e o total de positivos situouse en 47.

Tamén ascenderon en Pontevedra, que pasou a ter 20 casos. Volveron descender os activos na área sanitaria de Lugo, que pasan de 89 a 84. A área de Ferrol continuou como a única libre.