A Xunta limita a mobilidade excepcional só ao propio Día de Reis

Ambiente de Nadal en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O comité clínico recomendou á Consellaría de Sanidade que incremente o control da evolución en municipios das comarcas de Compostela e A Coruña. De maneira xeral só perden os fechamentos perimetrais dous concellos.

A Consellaría de Sanidade unicamente permitirá a mobilidade sen restricións por causas xustificadas como reunirse coa familia (ou as habituais: laborais, sanitarias e educativas) o propio Día de Reis, a diferencia dos períodos máis amplos dos que permitiu gozar tanto por Nadal como por Fin de Ano. A decisión xurde da reunión desta segunda feira -a última xa decorreu a pasada segunda feira e supuxo varios cambios no mapa de prohibicións- coas expertas e expertos que forman parte do comité clínico de seguimento da evolución da Covid-19, que asesora á Xunta. Outra das medidas que se van tomar é rebaixar ao nivel básico as restricións que pesaban sobre os municipios de Carnota e As Pontes.

A liberdade para ir visitar á familia en Reis non será a mesma da que gozaron galegas e galegos nos anteriores días sinalados destas festas. As e os expertos pediron que a mobilidade excepcional se limite só entre as 06 horas do 6 de xaneiro e as 23 horas do mesmo día, controlando máis a posibilidade de xuntanzas non permitidas ou os encontros masivos que poidan dar lugar a unha expansión do coronavirus.

Por outra parte, tanto Carnota como As Pontes perden as limitacións de mobilidade xerais ao baixar ao nivel básico de prohibicións porque a afección do virus mellorou nas dúas vilas. Ademais, Narón pasará ao nivel medio pero o resto dos fechamentos perimetrais e outras restricións vanse manter igual que a semana pasada.

A única excepción será ese Día de Reis. Tanto é así que na listaxe de municipios que deben ter un control especial incorpóranse outros das comarcas da Coruña e Compostela. A situación avaliarase de novo esta sexta feira. No entanto, o fechamento da comunidade ás saídas e entradas continuará activo polo menos até o día 11 de xaneiro.

Esta batería de medidas danse a coñecer despois de varias xornadas nas que se confirmou o aumento da presión hospitalaria. Ademais, os contaxios tamén van en aumento e só baixaron cando a Xunta reduciu o número de PCR practicadas.

O paquete de medidas será publicado hoxe no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrará en vigor ás 00.00 da terza feira. A pesar do temor a que os contaxios se incrementaran, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dicía a pasada semana que de momento a situación se mantiña bastante estábel.

Evolución nas próximas semanas

Pero xa existía certa preocupación polo efecto que puidera ter o Nadal no contaxio do virus. Mesmo segundo puido comprobar este diario en distintos estabelecementos de hostalaría do entorno da Coruña había tensión no empresariado agardando os resultados do encontro de traballo.

Aliás, foron detectadas certas infraccións por parte da cidadanía como a festa ilegal nun hotel de Sanxenxo.

Porén, queda agardar ás próximas semanas, cando probabelmente os efectos das reunións familiares se deixen notar máis, por moito que as autoridades sanitarias na Galiza recomendaran reducilas a seis persoas e dúas unidades familiares como máximo.