A Xunta proporá que a liberdade de movementos chegue á Galiza o 8 de xuño

Control na fronteira con Portugal (Nós Diario)

O Executivo autonómico pedirá a gobernanza absoluta do desconfinamento co cambio a fase 3

A liberdade de movementos na Galiza podería ser unha realidade antes das datas inicialmente previstas. Se a Xunta logra a gobernanza absoluta do desconfinamento a partir da fase 3, na que está previsto entrar a partir do vindeiro 8 de xuño, Feixoo garantiu que “asumirá a propia decisión, no exercicio das súas competencias, de recuperar a mobilidade dentro das catro provincias, as sete cidades e os 313 concellos”. 

Con todo, o presidente galego suxeriu agardar até a aprobación do Real Decreto-Lei de ampliación do estado de alamar no vindeiro Consello de Ministras para coñecer con máis detalle as características da fase 3.

Pese ao entusiasmo inicial, Feixoo foi rebaixando o entusiasmo dunha media agardada por moitas galegas, que non poden moverse con liberdade dentro do país, o mesmo que acontece coas eurocidades. 

Na rolda posterior á súa xuntanza telemática co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, Núñez Feixoo apuntou que, aínda que se permita a Galiza “asumir o mando” e decidir se entra na nova normalidade antes de 21 de xuño (data do previsíbel fin do estado de alarma), será o Estado español o que reserve o control da mobilidade.