A Xunta lanza, con 53 aulas xa fechadas pola Covid-19, un plan para preparar a educación a distancia

O plan para a formación semipresencial ou non presencial contempla a adquisición de portátiles para alumnado que non dispoña del. (Europa Press)
O Consello da Xunta aprobou, co curso xa iniciado e 53 aulas fechadas pola incidencia da pandemia –que afecta xa 199 persoas no ámbito educativo–, o seu plan de educación non presencial ou semipresencial, que se sustenta, segundo avanzaba o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, na xornada previa, en "máis ordenadores e máis formación".

En concreto, a Xunta anuncia que o reforzo permitirá o alumnado contar, ao longo deste curso, con 55.000 dispositivos dixitais, se ben as adquisicións concrétanse en 10.000 equipos para ampliar o programa de libro dixital E-Dixgal, a compra de 17.000 portátiles mediante un convenio de cofinanciamento co Goberno español e 3.000 máis que correrán, estes si, a cargo da Xunta para pór a disposición dos centros no primeiro trimestre. 

Estes dispositivos, segundo indicou Feixoo, van dirixidos a sustentar a docencia semipresencial, que o Goberno galego reserva para FP e Bacharelato, onde a está a implantar de forma rotatoria e en diferente grao dependendo do centro, como alternativa aos desdobres de aulas –que requiren máis profesorado–.

"Sería imposíbel, aínda que tivésemos todo o diñeiro e o profesorado, porque non hai espazo", alegou, en relación aos desdobres, que si son o mecanismo prioritario para Secundaria, xa que en Educación Infantil e Primaria non se rebaixou a ratio de persoas por aula ao aplicarse a fórmula dos "grupos de convivencia estábel" ou "aulas burbulla", onde a distancia interpersoal que recomendan os organismos de saúde pública se suprime en favor da "socialización" das crianzas baixo a suposición de que non van manter contactos –e polo tanto non haberá risco de contaxio– máis alá do seu propio grupo, dentro e fóra da aula.

Desde o inicio da crise sanitaria, a comunidade educativa galega leva alertando da fenda que abre no alumnado a educación non presencial, tanto para alumnado sen equipos informáticos, con dificultades de conexión –como ocorre en moitos puntos do rural– ou para aquel con necesidades específicas de atención educativa, se esa formación en remoto non vai acompañada doutras medidas de reforzo.

Corentenas

O novo plan de docencia non presencial está pensado tamén, segundo apuntan desde a Xunta, de cara a "estar preparados para calquera situación que obrigue a suspender a educación presencial, como supostos de corentenas no caso de contactos estreitos ou de illamentos no caso de positivos" en calquera etapa.

Desde os sindicatos do ensino xa alertan das primeiras indicacións para que o profesorado atenda, nestes casos, o alumnado na aula e aquel que segue a clase desde a clase de forma simultánea, e mesmo respondendo a un tempo as consultas que se formulen de forma telemática.

"Unha barbaridade", zanxaba durante a última protesta educativa o secretario nacional de Ensino da CIG, Suso Bermello, principal organización de representación neste ámbito a nivel galego.

Esta quinta feira, 24 de setembro, a ministra de Educación, Isabel Celáa, relegaba o ensino en liña a "acompañar a tarefa educativa cando non podamos gozar da presencialidade", nunha comparecencia na que avogaba pola "presencialidade 100%" e na que tamén anunciaba a retirada "excepcional" do mestrado como requisito de acceso ás listas docentes, como mecanismo para poder cubrir os reforzos que requiren as novas novidades.

Aula virtual

A segunda base do plan educativo aprobado esta quinta feira baséase na formación, que xa estaba recollida, de forma inconcreta, no primeiro protocolo de adaptación do inicio do curso á situación sanitaria derivada da Covid-19, publicado en xullo.

Agora, a Xunta inclúe "estratexias e organización" para a formación a distancia e, no que atinxe o profesorado, un plan de formación sobre as aulas virtuais nos centros, así como a posta a disposición da comunidade educativa dun banco de recursos.

 O Goberno galego presenta estas ferramentas cando ten aberta a matrícula para os cursos de formación neste tipo de docencia, xa anunciados de forma recorrente desde hai semanas, pero que non deron comezo.