A Xunta lamenta que o AVE Vigo-Porto non chegue en 2030: "Constata falta de planificación e implicación do Goberno"

A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).

Os empresarios galegos reuniranse co comisionado do Corredor Atlántico no mes de marzo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou este domingo que a confirmación da comisaria de Transportes da Comisión Europea, Adina-Ioana Valean, sobre os prazos para pór en servizo o AVE Vigo-Porto constata a "falta de planificación e implicación" do Goberno estatal.

En declaracións aos medios na Festa da Filloa de Lestedo, a titular de Infraestruturas asegurou que a comisaria de Transportes confirma que "a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo-Porto é un proxecto que está moi verde", que "non estará en servizo en 2030", polo que "non considera prioritario incluílo no financiamento europeo para 2030".

"Constátase a falta de planificación e implicación e a ausencia de partida orzamentaria por parte do Goberno, que nos orzamentos de 2023 é mínima, insignificante, de 30.000 euros", censurou.

Para Ethel Vázquez, as afirmacións da representante europea "veñen emendar á totalidade ao Goberno do Estado en referencia ás manifestacións da Xunta de que esa conexión non ía estar en 2030".

Segundo a conselleira, estes feitos son consecuencia "dunha falta de planificación, implicación e orzamento do Goberno", o que provoca "un atraso realmente importante e elimina toda posibilidade de financiamento europeo".

"É unha mala noticia para a Galiza, para a Eurorrexión e para Portugal. Reclamamos ao Goberno que reaccione e que mova ficha, que presente planificación completa e concreta, con orzamentos concretos para unha infraestrutura estratéxica para a competitividade de Galicia e para fortalecer a Eurorrexión", reiterou.

 

 

Reunión co Comisionado

Sobre este asunto tamén se pronunciou o presidente da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press. Alí, afirmou que a alta velocidade con Portugal é "fundamental" e pediu convencer á UE de que as "autoestradas ferroviarias" son "fundamentais".

"Non comparto o que di a comisaria, pero imos seguir traballando para traer a alta velocidade por Portugal até a Galiza e o Corredor de Mercadorías do Atlántico Noroeste", sostivo.

Neste sentido, avanzou que manterá unha reunión co comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián Ruiz, o próximo mes de marzo e insistiu en que a Galiza debe subirse "ao tren do progreso".

Así, puxo en valor que se conte xa cun comisionado e reiterou a necesidade de elaborar un plan director. Deste xeito, avanzou que traballarán co comisionado "de xeito conxunto", co que se reunirán no mes de marzo.

"Falamos con el e dixo que si, que no mes de marzo ía estar aquí connosco. Tamén imos programar un gran evento en abril con cousas máis concretas e co cluster de loxística galega imos tentar buscar cousas concretas para implementar o máis rapidamente posíbel o Corredor Atlántico Noroeste. Temos gran capacidade loxística e se seguimos empuxando entre todos probabelmente imos conseguilo", manifestou.

Ademais, Vieites sinalou que a próxima semana manterá unha reunión co presidente da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, Antonio Cunha, para "favorecer que haxa confianza por parte de Bruxelas" para que os proxectos "se poidan levar adiante".