A Xunta inviste en Atención Primaria 85% menos do recomendado pola OMS

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, á esquerda, visitando o centro de saúde de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, en marzo. (Foto: Europa Press)
O movemento en defensa da sanidade pública alertou onte, véspera do Día Mundial da Saúde, das deficiencias e da falta de investimento no Servizo Galego de Saúde.

A plataforma SOS Sanidade Pública denunciou que “o gasto na sanidade galega está moi por debaixo da media de países europeos, especialmente na Atención Primaria, que recibe o 13,5% do orzamento, en lugar de 25% recomendado pola propia Organización Mundial da Saúde (OMS)”. Os diversos estudos coñecidos nos últimos tempos sinalan que Galiza atópase á cola do Estado en investimento en Atención Primaria. Neste sentido, os datos da última Estatística do Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade, con cifras referidas a 2021, sinalan que só Madrid gasta menos diñeiro en Atención Primaria que Galiza.

A comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso destinou 10,7% do orzamento sanitario á Primaria. Na anualidade de 2021, Balears superou a Galiza en gasto sanitario en Primaria, tras destinar a este servizo 12% do investimento total en saúde. A Galiza, Madrid e Balears veñen ocupando as posicións de cola do Estado de gasto en Primaria ao longo da última década.

Aliás, o custo da prestación sanitaria na Galiza é máis elevado que nas comunidades que a acompañan nos postos de cola en investimento en saúde. A isto, contribúe a pirámide demográfica, cunha poboación envellecida e unha realidade xeográfica marcada pola dispersión territorial.

A ausencia dun compromiso investidor por parte das Administracións está a repercutir na calidade asistencial, advirte SOS. Neste sentido, o Consello Económico Social, órgano consultivo do Goberno galego, recolle no seu informe de 2022 que "os últimos orzamentos [refírese a 2022] afondan no deterioro dos recursos da Atención Primaria, caracterizada pola perda de peso dentro do total sanitario desde a crise do ano 2008".

Falta de persoal

A Galiza rexistra das peores cifras do Estado en persoal sanitario. Sen ir máis lonxe, dispón de 469,2 médicos por cada 100.000 habitantes, moi por baixo da media estatal cifrada en 499 médicos por cada 100.000 habitantes. Só Castela-A Mancha, con 396,2 facultativos por cada 100.000 habitantes, e Andalucía, con 432,3 facultativos por cada 100.000 habitantes, presentan unhas cifras peores que o país.

Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, afirmou onte que “a falta de estabilidade e os baixos salarios, son as causas de que os profesionais que se forman na Galiza, emigren a outros lugares onde a sanidade se prestixia e se dignifica.

Desde 2010 marcharon da Galiza 1.526 facultativos para traballar fóra do Estado, destacando o Reino Unido e Portugal como primeiros lugares de acollida.

Precisamente, nesta mesma semana en que se conmemora o Día Mundial da Saúde, a OMS instou os países a que tomen medidas urxentes para protexer, apoiar e ampliar o persoal de saúde como prioridade estratéxica.