A Xunta insinúa que unha das presas de residuos mineiros de San Finx era para moer millo

ContraMINAcción considera que a Dirección Xeral de Minas pretendería así evitar que sexa a concesionaria mineira, do Grupo Sacyr, quen asuma a restauración da zona contaminada. 

A rede ContraMINAcción afirma que a Dirección Xeral de minas insinúa que unha das presas de residuos mineiros das minas de San Finx (en Lousame), a maior delas e que pecha un val fluvial cun dique de contención de lodos de 50 metros de cumprimento e 14 metros de altura, “fose para mover un pequeno muíño negral no que moía millo a veciñanza”. Unha explicación que considera “esperpéntica e demostrativa da corrupción rampante na Xunta”
O informe no que se vincula a presa maior de residuos e o pequeno muíño de millo foi encargado por “orde verbal”, afirma ContreaMINAcción do Xefe Territorial da Consellería de Industria na Coruña, co propósito de remitilo a Augas de Galiza, “que xa determinara o ano pasado que se trataba de presas de residuos mineiros e pretendía obrigar á empresa ao seu desmantelamento e restauración da zona.”

Segundo os colectivos integrantes de ContraMINAcción, trátase dunha tentativa “desesperada” de evitar tanto a responsabilidade da concesionaria mineira, unha filial de Valoriza Minería (Grupo Sacyr), como “unha escapada cara adiante por parte dos propios funcionarios e autoridades agora imputados por mentir reiteradamente en documentos públicos relativos ás presas mineiras”.

Os colectivos indican que é “sobradamente coñecido” que o maior dos depósitos mineiros fora construído pola mina en 1939 e que protagonizou o chamado “Desastre de 1960” trás a rotura das súas comportas (como recolle o documental “San Finx 1960”).

Nun informe de 2017, engade ContraMINAcción, Augas de Galiza afirmaba que no caso dunha eventual rotura desta presa de maiores dimensións “o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental” mentres que nunha visita de inspección realizada en 2019 polo hidrólogo especialista en presas mineiras Steven H. Emerman concluíu que a mesma presa presentaba signos evidentes de licuefacción interna o que levaría más cedo ou máis tarde á súa falla crítica, co impacto que iso causaría sobre a ría de Muros e Noia e o LIC Esteiro do Tambre.