CRIANZAS CON DISCAPACIDADE VERáN LIMITADO O SEU ACCESO AOS CAMPAMENTOS DE VERáN

A Xunta incumpre a lei de accesibilidade nas súas propias convocatorias

Catro meses despois da aprobación da lei de accesibilidade, a Xunta incumpre os seus mandatos nas súas propias convocatorias. As crianzas con capacidades especiais fican eliminadas do programa de campamentos de verán, como denuncia o BNG nunha iniciativa presentada no Parlamento. 

 

As crianzas con discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 65% só poderán participar na campaña de Campamentos da Xunta se cumpren uns requisitos que, nalgún dos casos, teñen a ver coas propias instalacións do campamento. “As súas limitacións ou necesidades especiais deben permitirlles manexarse nas instalacións do campamento que elixan”, reza a convocatoria da Xunta que o BNG a través da súa deputada Carme Adán leva ao Parlamento en busca de resposta e coa intención de que a convocatoria se mude para garantir a igualdade de oportunidades para as crianzas con capacidades especiais. 

Bases fóra do espiritu da lei

A iniciativa do BNG encamíñase a que a Consellaría de Traballo e Benestar adapte as bases dos campamentos de verán á normativa vixente, da mesma maneira que xa o fixo a Deputación de Pontevedra despois da solicitude do grupo nacionalista. O organismo provincial tivo que eliminar as cláusulas que condicionaban a participación nas actividades de verán ás capacidades especiais das crianzas, requirimentos que incumpren o principio de igualdade protexido por lei. 

A Deputación de Pontevedra, a instancias do BNG, xa adaptou as bases dos campamentos de verán para integrar as crianzas con capacidades especiais

A convocatoria para os campamentos da Xunta publícase apenas catro meses despois de o pasado decembro o Parlamento aprobar a Lei de accesibilidade de Galicia que recoñece o principio de igualdade de oportunidades como a ausencia de toda discriminación “directa ou indirecta, por motivo de ou sobre a base da discapacidade” e contempla a “adopción de medidas de acción positiva” para eliminar as desvantaxes das persoas con capacidades especiais.

No caso da convocatoria da Xunta, recóllese que quen queira facer uso do servizo terá que se adaptar ás condicións das instalacións, sen activar medidas positivas de eliminación de barreiras ou reforzo dos efectivos no caso de seren necesarias, como recolle a lei de accesibilidade.