A Xunta incumpre o número mínimo de camas UCI en Pontevedra e Lugo

Persoal sanitario atende un paciente na UCI (Rober Solsona).
Os hospitais de Pontevedra e Lugo non contan con camas suficientes nas Unidades de Coidados Intensivos, segundo o Sindicato de Enfermaría. O Estado exixía dispor de entre 1,5 e 2 camas UCI por cada 10.000 habitantes para avanzar no desconfinamento e frear a pandemia, unha capacidade que Galiza debe garantir.

O Sindicato de Enfermaría, Satse, asegura que Lugo e Pontevedra non contan con camas suficientes nas Unidades de Coidados Intensivos nos seus centros hospitalarios de acordo cos criterios estabelecidos polo Goberno do Estado para afrontar o proceso de desconfinamento e as indicacións realizadas agora no decreto lei de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para enfrontar a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Satse lembra que, entre outros criterios, o Executivo estatal determinou que, para poder avanzar no desconfinamento, sería preciso dispor de entre 1,5 e 2 camas nas Unidades de Coidados Intensivos por cada 10.000 habitantes, ou, polo menos, ter acceso ou capacidade para poder instalar as necesarias no prazo de cinco días.

Reforzo de cara a posóbeis rebrotes

O decreto lei publicado esta semana no Boletín Oficial do Estado (BOE) estabelece que as comunidades autónomas deben contar con esa mesma disposición, capacidade para habilitar os recursos necesarios para responder a incrementos rápidos de casos, de acordo coas necesidades observadas durante a fase epidémica da enfermidade.

Así, segundo os resultados do estudo realizado polo Sindicato de Enfermaría no conxunto do Estado, un total de 36 cidades, ademais de Ceuta, non dispoñen de camas UCI suficientes, entre elas dúas galegas: Lugo e Pontevedra, polo que a organización insiste "na necesidade de aumentar o número de camas nestas unidades hospitalarias nas que se proporciona unha asistencia intensiva integral as 24 horas do día a pacientes críticos ou con un alto risco de presentar complicacións". E urxe os Gobernos territoriais a reforzar canto antes este servizo ante a posibilidade de que se produzan rebrotes nos próximos meses.

"Non se poden volver producir as situacións de caos, saturación e desbordamento sufridas ao inicio da crise por non contar de maneira estrutural con camas suficientes", advirten desde Satse, que tamén aproveita o chamamento para incidir na falta de persoal de enfermaría que presta os seus servizos na UCI.

Escaseza de enfermeiras

Ademais de camas, nas UCI botan en falta enfermeiros e enfermeiras para coidar das doentes de  maneira que "non se superen, en ningún caso, os dous pacientes por cada profesional". Segundo o sindicato, é frecuente que se supere esta cifra en moitos centros sanitarios nos que non se cumpren as cotas de pacientes estabelecidas. No caso concreto das Unidades de Coidados Intensivos, apuntan, unha mesma profesional pode chegar a atender até catro doentes, o que dificulta a atención e pon en risco a seguridade e a saúde da persoa ingresada.

Durante a crise, na Galiza chegou a dispor de 274 camas UCI, 114 máis das que contaba antes da  pandemia. Con todo, non chega ao mínimo de 1,5 camas UCI por cada 10.000 habitantes. Esa esixencia marca un mínimo de 405 postos.

Un millar de camas menos nunha década

Segundo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Compostela, integrante do movemento SOS Sanidade Pública que aglutina, tamén, todos os partidos da oposición mais as organizacións sindicais, desde 2019, "a Consellaría de Sanidade diminuíu o número de traballadoras en 1.325 persoas e o número de camas en 970". A  finais de 2019, segundo datos facilitados a Nós Diario por CCOO Sanidade, o Servizo Galego de Saúde contaba con 7.524 camas destinadas á sanidade pública, o que supón, de media, unhas 3,4 por cada mil habitantes.

As camas dispoñíbeis nas UCI sumaban 163, ás que neste tempo engadiron os postos habituais nas Unidades de Reanimación, incorporados como espazos de illamento grazas á súa dotación tecnolóxica e de persoal