A Xunta imporá o Certificado Covid no nivel máis alto de seguridade no lecer nocturno

Representantes do ocio nocturno á súa saída da reunión. (Foto: Europa Press)
Os conselleiros Alfonso Rueda e Julio García Comesaña veñen de dar conta dalgunhas das chaves que marcarán o protocolo de traballo para os estabelecementos deste ámbito dentro da hostalaría. Outras das principais novidades serán o permiso para completar até o 75% da capacidade e ampliar o horario até as catro da madrugada.

O ditame do Tribunal Supremo que botou por terra as consideracións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e deu a razón á Xunta sobre a posibilidade de reclamar a presentación do Certificado Covid para acceder a locais de hostalaría terá, finalmente, a súa materialización no país a través do lecer nocturno. O Goberno galego ten previsto impoñer o uso deste pasaporte naqueles negocios de ocio que traballen pola noite e queiran ter a máxima capacidade posíbel.

Así o explicaron o vicepresidente primeiro da Xunta e o conselleiro de Sanidade, Alfonso Rueda e Julio García Comesaña, esta quinta feira após un encontro con algúns representantes desde subsector dentro da hostalaría.

O ditame do Supremo que dá a razón á Xunta no uso do Certificado Covid "permitirá estabelecer distintos niveis de ocupación, de tal maneira que no máximo nivel de compromiso será necesario que os clientes presenten dito certificado de vacinación". No entanto, os representantes da Xunta aseguraron que queren o apoio do TSXG para pór en práctica esta medida que, din, acordaron co sector.

A intención é ter activado este novo marco de traballo a principios do mes de outubro, dando así por superada unha etapa na que o ocio nocturno foi un dos sectores máis prexudicados pola pandemia do coronavirus. Ademais do pasaporte, haberá outras medidas sanitarias na folla de ruta.

Iso si, ao igual que acontece coa hostalaría en xeral, agora o Sergas quere que os negocios traballen con independencia da situación epidemiolóxica do municipio no que estean localizados. É dicir, o grao de ocupación irá en función das medidas de seguridade para evitar contaxios da Covid-19 que fixe o empresariado.

Pola súa parte, o grupo de portavoces dunha parte do lecer nocturno destacou que rebaixou as súas esperanzas iniciais e a apertura será "co 75% da capacidade e unha hora máis que actualmente", é dicir, un horario ampliado até as 4 da mañá.

Luis Diz, representante do colectivo Galicia de Noite, confirmou que quedan temas por acordar de cara ao novo encontro de traballo da próxima segunda feira.