Xunta gastou 10.000 euros nun estudo sobre o cambio climático n@s maiores das residencias mais nin un euro para reducir emisións das térmicas

Colectivos ecoloxistas reprochan ao goberno galego que "non faga nada" por reducir as emisións das térmicas galegas, "verdadeiras fábricas de cambio climático", e que se centre en accións "propagandísticas" ou que non serven para afrontar o problema

 

Até o 7 de decembro celébrase en Doha (Qatar) . A Xunta aproveitou que nestes días se realiza en Qatar a XVIII conferenza das partes (COP18) para estabelecer os compromisos do vindeiro período do protocolo de Quioto que comeza en 2013; para presentar un "informe" sobre o cambio climático en Galiza. Un estudo que en Adega se define como "un corta-pega de datos e conclusións de investigacións xa coñecidas, adubado coa correspondente propaganda en formato ristra de actuacións do máis heteroxéneo. Exemplo: un estudo (9440€) para coñecer o impacto do cambio climático... nos vellos e vellas das residencias! Iso sí, de facer algo por reducir as emisións das térmicas galegas, verdadeiras fábricas de cambio climático e que supoñen o gordo das emisións... cero".

Neste I Informe sobre o Cambio Climático en Galiza, a Adega chámallea atención "algún sonado esquecemento". Refírese o colectivo ambientalista a ausencia de datos de 2011, "ano no que voltaron a aumentar as emisións en Galiza, fundamentalmente debido ás térmicas e ao transporte". 

No informe da Xunta non hai datos de 2011, ano en que "volveron a aumentar as emisións en Galiza, fundamentalmente debido ás térmicas e ao transporte"

Medidas "do máis variopinto"

Aliás, a terceira parte do informe, en que se recollen as actuacións, debulla unha ristra de medidas "do máis variopinto levadas a cabo pola administración para supostamente combater o cambio climático". Adega informa que de se analizaren estas 84 "medidas" por un importe conxunto de 35,1 millóns de euros "e peneirando aquelas que non teñen relación directa coa loita contra o cambio climático, suprimindo os investimentos non executados, e deducindo aqueles cartos achegados pola UE, temos que o montante total adicado á loita contra o cambio climático pola Xunta son apenas 13 millóns de euros, maioritariamente achegados polo INEGA para promover o aforro e a eficiencia a nível doméstico (placas solares, caldeiras de biomasa, illamento, plano "Renove" de electrodomésticos, etc).

A conclusión para Adega é clara: para a Xunta, a loita contra o cambio climático é responsabilidade da cidadanía. De actuar contra as emisións das térmicas, "as responsábeis de que sigamos tento as taxas máis altas de emisión de gases por habitante de Europa... Nada. CERO euros".