Sanidade pública

A Xunta gastará 1 millón ao mes no plus para os médicos que traballan tamén na privada

Unha consulta médica. (Foto: Europa Press)
Son cálculos da CIG-Saúde, que ve discriminatorio o acordo entre a Consellaría e a CESM.

A CIG-Saúde e a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) mostraron esta quinta feira o seu rexeitamento ao acordo que alcanzaron o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para que, a partir do 1 de xaneiro de 2024, os facultativos que compatibilicen o sector público e o privado poidan percibir o complemento nunha contía, segundo a Xunta da Galiza, de 720 euros ao mes.

No caso da CIG-Saúde, visibilizaron a súa postura nunha comparecencia en rolda de prensa na que participou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, acompañado de Lucía Peón e Miguel Tizón, membros da Executiva. Moreira sinalou que “o risco de rematar coa dedicación exclusiva é un paso máis para debilitar a sanidade pública e fortalecer a sanidade privada”. Lembra que hai uns meses “xa se flexibilizou a compatibilidade de profesionais entre a pública e a privada” e agora “chega este complemento específico que o que fai é retribuír en exclusiva a privada”.

Con este acordo, segundo o sindicalista, “haberá máis facultativos dispostos a traballar na sanidade privada, non máis médicos para a sanidade pública”. Por outra parte, Moreira indica que “facendo as contas do que supoñen estes complementos, a Consellaría dedicará 1 millón de euros cada mes para pagar máis a persoal médico que xa está traballando na sanidade pública e que non fará máis horas”. Neste sentido, o responsábel sindical considera que o acordo é “unha falta de respecto para o persoal médico que traballa exclusivamente na sanidade pública”.

Critica a actitude de CESM, “que asinou prescindindo doutros temas en defensa da sanidade pública e demanda “melloras na sanidade pública que se teñen que negociar coa representación na mesa sectorial” e "na que estea presente o presidente da Xunta, responsábel do acordo".

Alfonso Rueda, despois da reunión semanal do Goberno galego, respondeu sobre este tema defendendo o acordo e afirmando que busca “reter profesionais da sanidade pública” que “cumprirán o 100% do seu horario”, polo que “a igual traballo deben ter igual salario”.

Rexeitamento da Agdsp

Desde a Agdsp tamén consideran "discriminatorio" que a Consellaría permita ese complemento específico. Nun comunicado, a entidade manifesta o seu "máis enérxico rexeitamento" a que se abone este plus ao considerar que a Xunta busca "pagar favores e fraguar alianzas cunha parte do persoal sanitario". Ademais, rexeita a medida porque os médicos que só traballan na pública quedan "fóra desta suba", e advirte de que "viola" a lei de incompatibilidades.