A Xunta fixa o fechamento das casas de apostas no mesmo horario que a hostalaría

Unha muller pasa por diante dun salón de xogos en Madrid. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
Comunica tamén, a través dunha publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), que os parques acuáticos poderán abrir xa. O escrito tamén inclúe as restricións por concellos que se imporán na medianoite deste sábado.

Con independencia de que a Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico quixeran reservar para a semana próxima novas grandes decisións sobre a desescalada, da reunión da terza feira saíron algúns acordos que entrarán en vigor na medianoite do sábado e que supoñen cambios na forma de traballar dalgúns sectores. Sen ir máis lonxe, a pesar da polémica xurdida con estes espazos durante a pandemia, a Xunta vai equiparar o horario de fechamento das casas de xogo e apostas co da hostalaría.

Esta mudanza afectará só naqueles concellos que estean no chanzo medio-baixo de risco polo coronavirus, que nestes momentos son todos agás Soutomaior, Camariñas e Malpica.

En consecuencia, ademais das variacións propias da situación epidemiolóxica no país, un anuncio publicado nesta quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) estabelece que os negocios de apostas, sexan bingos, salóns recreativos, tómbolas ou lugares específicos para xogar diñeiro a distintas disciplinas teñan o mesmo horario que os locais da hostalaría.

É dicir, en todos os municipios -aqueles que teñan este tipo de empresas- a actividade poderá prolongarse até a 1 da madrugada, pero no caso das máximas restricións a capacidade será do 30% mentres que no resto da Galiza chegará até o 50% malia traballar en interiores. Ademais, haberá que cumprir os requisitos dos bares e restaurantes se hai algún servizo similar.

O Goberno galego indica, a través do documento, que debe estar garantida a distancia interpersoal, que as mesas darán cabida a grupos dun máximo de seis persoas e que a máscara será obrigatoria.

Nos parques, ao 50%

Por outra parte, o acordo feito público recolle a reapertura dos parques acuáticos ao 50% da súa capacidade. Ademais, deberán ter control de accesos para eliminar a posibilidade de que se produzan aglomeracións e non se poidan garantir as distancias.

Curiosamente os vestiarios e aseos poderán ocuparse ao 100% se existen cabinas separadas e ao 50% se non é o caso. A máscara será de uso continuado agás para o baño e os flotadores terán un uso individual (salvo en caso de persoas que necesiten axuda).