A Xunta financia con 209 millóns de euros a sanidade privada

O hospital Povisa de Vigo recibe 72 millóns de euros do orzamento galego. (Foto: Europa Press)
As axudas públicas á sanidade privada incrementáronse un 2% en 2020, medrando nun 20% desde a chegada de Feixoo ao Goberno galego. A Xunta da Galiza achegou no exercicio de 2020 a estes operadores 209 millóns de euros, correspondéndose 129 millóns de euros con concertos cos centros hospitalarios privados.

O Goberno galego financiou a sanidade privada con 209 millóns de euros en 2020. Segundo recolle o Informe de Fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de 2020, elaborado polo Consello de Contas, 62,1% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada.

A contía restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados, entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Sergas.

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 129 millóns no último exercicio fiscalizado polo Consello de Contas. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade de prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas. Neste sentido, a maioría dos acordos inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade nos centros públicos e privados.

Povisa, o máis favorecido

O hospital vigués Povisa é o centro máis favorecido por esta fórmula de xestión. O complexo sanitario, propiedade desde o pasado 27 de xullo do grupo francés Vivalto Santé, recibiu en 2020 das arcas públicas 72 millóns. Asemade, a Xunta achegou a outros hospitais do mesmo grupo empresarial, como o lugués Polusa e o ferrolán Juan Cardona, algo máis de 11,2 millóns de euros.

Na mesma dirección, os hospitais de Quirón, Quirónsalud A Coruña, Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e Quirónsalud Domínguez de Pontevedra, recibiron máis de 9 millóns. Ao tempo, a firma Hospitales Madrid, titular da clínica Modelo da Coruña e da Rosaleda de Compostela, embolsouse máis de 8,5 millóns das arcas públicas.

Consello de Contas

As relacións entre os grupos sanitarios privados e a Xunta da Galiza levan anos no albo do Consello de Contas. A este respecto, no seu informe do ano 2020, o organismo dirixido por José Antonio Redondo afirma que "o Sergas está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación, de maneira directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados nos que, ademais de carecer das notas de excepcionalidade e temporalidade que identificarían esta figura, débese engadir que, ao obviarse a vía estabelecida na lexislación de contratos públicos, non existe expediente de contratación".

O órgano de fiscalización apunta, tamén, que "hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha fórmula contractual, senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso. Esta figura, que ten a súa orixe na lexislación sanitaria, carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública".

No mesmo sentido, o informe pon de manifesto que "debe engadirse a existencia (cun notábel incremento neste exercicio) de gasto sustentado en documentos contábeis ADOK, que obedecerían potencialmente á adquisición de servizos vía contrato menor. Porén, pola súa dimensión económica e reiteración, non poderían ter a dita cobertura".