A Xunta fechou perto de 70 escolas e suprimiu 437 aulas en apenas cinco anos

Malia a oposición social, a Consellería mantén a política de botar o pecho a aqueles centros que non cumpran estritamente co baremo de alumnado.

“No rural, a escola é a última barreira para evitar que todo vaia ao garete”. A frase pronunciábaa no verán de 2016 unha das nais que loitaba contra a pretensión da Xunta de botar o fecho ao CEIP O Calvario, en Queixas, a última unitaria que ficaba en Cerceda. Unha frase que cobra aínda máis corpo cando eses fechamentos de escolas se produce en zonas moi afectadas polo despoboamento. Mentres haxa unha escola hai crianzas, vida e futuro. Se pasas o ferrollo ao colexio e levas ao alumnado a outro centro –normalmente na vila-, estás a deixar ao rural, moitas veces xa de por si bastante castigado coa falla de servizos, sen un alicerce.

 

A Consellería volveu máis unha vez aproveitar a proximidade do curso escolar para anunciar que o vindeiro ano lectivo ía suprimir escolas. Desta vez, o curso 2017/2018 comezará con nove colexios menos. O anterior, foron 13 centros menos, o mesmo número que suprimiron no 2015/16.

 

Nestes pouco máis de seus anos, segundo as contas de CIG-Ensino, a Xunta fechou 64 escolas e 437 unidades. “Todo isto mentres se manteñen ou incrementan os orzamentos destinados ao ensino privado”, afirma o sindicato nacionalista, que é é concluínte que o actual goberno galego segue adiante coa política de “desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación”.

 

 

Este sindicato denunciaba a comezos do presente ano que desde a chegada de Núñez Feijoo á presidencia da Xunta houbo uns recortes orzamentarios acumulados de, “nin máis nin menos”, 1.943 millóns de euros. Ademais, os orzamentos da Consellaría de Educación só medraron 2,86% neste último orzamento, mentres que as subvencións ao ensino privado incrementaron en 6,05. O aumento medio do orzamento para educación nos territorios do Estado español foi de 4,3%, moi superior ao galego.