A Xunta fecha a porta a subir o número de prazas nas oposicións

A Consellaría confirmou onte que abrirá o 1 de xuño a inscrición para as oposicións educativas. (Europa Press)
A Consellaría de Educación remitiu aos sindicatos un informe dos servizos xurídicos da Xunta que declara inviábel a acumulación da Oferta Pública de Emprego (OPE) docente deste 2020 coa de 2021, como reclamaban os sindicatos e o colectivo de futuras opositoras.

Con este informe na man, Educación confirma que abrirá a inscrición para o proceso selectivo para os corpos de funcionariado docente correspondente á OPE deste ano, adiado ao ano que vén pola crise do coronavirus, o vindeiro 1 de xuño, baixo o argumento de "blindar o proceso e a totalidade das prazas". 

A decisión, avalada polo colectivo de opositoras Opóñome a esta opo como o mecanismo para garantir as 3.654 prazas convocadas na OPE deste ano, elimina, na práctica, unha nova convocatoria de postos en 2021 e deixa fóra do proceso aquelas estudantes que conclúen neste trimestre os seus graos de primaria ou mestrados de secundaria para concorrer ás oposicións do próximo ano, aínda cando o concurso desta convocatoria non terá lugar até esa data.

A plataforma Opos 2021 Xustas para todxs, que congrega un millar de futuras docentes nesta situación, criticou esta semana a posición da Xunta ao considerar que as prazas da convocatoria de 2021 son "esenciais para garantir as necesidades de persoal docente polas mil xubilacións que se agardan no vindeiro curso" e para reforzar o ensino de cara ás necesidades excepcionais xeradas pola situación sanitaria.

O colectivo solicitaba, como alternativa, agardar antes de abrir a matrícula da actual OPE, para darlles tempo a obter as súas titulacións. "Non ten sentido ningún que a inscrición teña lugar cun ano de antelación, nin que queden excluídas do proceso as dúas mil persoas que obterán os títulos requiridos nas próximas semanas, é dicir, un ano antes das probas" e ve na decisión de abrir de forma inminente "unha chantaxe" da Consellaría, por dar como única alternativa a anulación e posterior convocatoria da oferta actual.

Esta opción, que se vén de adoptar en territorios como Cantabria, si podería –a ollos dos sindicatos– pór en perigo a totalidade das prazas que hoxe están convocadas, superior ao total da taxa de reposición en virtude dos procesos de estabilización do emprego temporal. Así o entenden tamén desde Opóñome a esta opo, que advirten das incertezas que arrodean un hipotético proceso selectivo vinculado á OPE de 2021, do que "non se saberá, até que se aproben os Presupostos Xerais do Estado dese ano, se se van convocar oposicións nin se vai haber partida orzamentaria destinada a elas". 

Porén, territorios como Andalucía, onde as oposicións docentes desde 2020 tamén foron trasladadas a 2021 por efecto da pandemia, a convocatoria aínda está por publicar. Neste sentido, a plataforma favorábel a adiar a inscrición remítese a unha resolución do Ministerio de Educación de 30 de abril na que se "garante, como mínimo, a oferta de prazas xa acordadas" nos concursos atrasados ao ano que vén. Igualmente, un escrito remitido polo Ministerio a este colectivo o pasado día 25, ao que tivo acceso Nós Diario,  apunta á potestade da Xunta para decidir a data da matrícula.