A Xunta exculpa Endesa da turbidez do Eume e atribúea a un “proceso natural”

Encoro do río Eume a finais de setembro de 2020 (Imaxe: Colectivo Terra)

A directora de Augas da Galiza, Teresa Guitiérrez, atribúe o episodio de turbidez das augas do río Eume a un “proceso natural” e exculpa Endesa, empresa que explota o encoro e sobre o que puñan o foco diferentes colectivos ambientais.

A turbidez das augas do Eume, que mesmo levou á prohibición do consumo da auga durante varios días a Pontedeume en outubro, debeuse a un “proceso natural”. Así o asegurou a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, en resposta a unha pregunta formulada poloo deputado do PSdeG Pablo Arangüena na comisión de medio ambiente do Parlamento.

Gutiérrez sinalou como culpábeis os desprendementos de muros en regueiros afluentes do Eume. Isto, dixo, provocou “unha alteración importante” da calidade das augas por mor do “arrastre de sólidos”. Exculpou, desta maneira, Endesa, a empresa que explota a concesión do encoro.

A alto cargo da Xunta puxo de manifesto que as conclusións preliminares dos estudos conclúen que o afondamento das ribeiras en dous regueiros fixo que os muros caesen á auga e acabasen afectando o Eume polo arrastre de sólidos.

Valores anormais

Para reverter a problemática, a responsábel de Augas da Galiza lembrou que se puxeron en marcha obras para modernizar a potabilizadora municipal de Pontedeume. Tamén sinalou que a Xunta destinará 1,5 millóns en traballos para reverter a turbidez, cuxos niveis multiplicaron por dez os valores normais.

Desta maneira, Medio Ambiente, que chegou a incoar un expediente sancionador a Endesa, asume o argumento da empresa enerxética, que o 19 de outubro emitía un comunicado de prensa no que afirmaba que se trataba dun “fenómeno natural”, tirando dun informe elaborado pola Cátedra de Enxeñaría do Terreo da Universidade da Coruña. 

O citado documento espertou as críticas do Colectivo Terra, que a finais de setembro chamou a atención sobre o baixo nivel das augas do encoro do Eume, que deixaran á vista as lamas do fondo. Esta entidade e mais Adega sinalaran a presa de Endesa, construída nos 60 a continuación da área en que se situaba a mina de lignito das Pontes, da turbidez. Os lodos do seu fondo abrollaron días antes de que o río fluíse turbio, cando o volume da auga diminuíu.

A situación tamén fora levada ao Parlamento polo BNG, cuxa portavoz, Ana Pontón, visitou o día 3 de novembro o río.