A Xunta exclúe o colectivo das titoras legais dun cuestionario sobre educación

Captura do test que propón a Consellaría de Educación. (Foto: Nós Diario)
Denuncian a fórmula empregada pola Consellaría que dirixe Román Rodríguez, pois entenden que non se adapta á realidade social que existe actualmente na Galiza.

As fórmulas, formatos ou tipoloxías de expresarse ou referirse a determinados grupos da poboación veñen de xogarlle unha nova mala pasada á Xunta da Galiza. Agora é un cuestionario emitido pola Consellaría de Educación, que non ten en conta todos os tipos de familia que hai no país, o que provoca a crítica entre algunhas persoas afectadas.

A polémica apareceu coa pregunta "Podería indicar en que situación laboral están na actualidade vostedes?", pero non polo enunciado senón polas opcións de resposta.

Na enquisa dixital proposta polo departamento que dirixe Román Rodríguez contemplan os empregos que pode ter o "pai ou proxenitor/a A" e a "nai ou proxenitor/a B", mais non é unha cuestión de xénero senón de excluír a un colectivo en concreto.

Segundo denuncian ante Nós Diario, hai malestar porque non se teñen en conta as e os titores legais "que non son pais nin nais" e tamén hai "proxenitores que non son pais" e hai dúbidas sobre se deberían responder á pregunta.

"Serei menos nai por non ser proxenitora?", pregúntase a colaboradora deste medio, Marga do Val, que é unha das persoas afectadas que amosou o seu malestar co esquecemento da Xunta.

Na súa opinión "se isto se fai desde unha Consellaría de Educación mal imos!".

Neste contexto, reclámase máis coidado por parte do Goberno galego en futuros documentos oficiais, sexan en papel ou telemáticos.