A Xunta evita fixar unha cifra para a inmunidade de grupo

Varias mozas e mozos acoden á Cidade da Cultura para vacinarse (Arxina).
Galiza conta cun 85,68% da súa poboación diana inmunizada, un 77,89% da xeral, o que se traduce en 2.102.897 galegas e galegos inmunizados.

A Xunta da Galiza evitou fixar unha cifra coa que alcanzar a inmunidade de grupo e, a este respecto, avogou por chegar "canto antes" ao 100% de persoas inmunizadas contra a Covid-19.

A Consellaría de Sanidade, consultada por Europa Press, non concretou cifras e insistiu na necesidade de conseguir que todas as galegas e os galegos dispoñan de pauta completa.

Até este momento, segundo os datos actualizados polo Sergas, o país conta cun 85,68% da súa poboación diana inmunizada, un 77,89% da xeral, o que se traduce en 2.102.897 galegos inmunizados. Ademais, un total de 2.267.038 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina, o que representa un 92,36% da poboación diana e un 83,96% da xeral.

O propio responsábel do departamento do Goberno galego, Julio García Comesaña, contestaba na mesma liña semanas atrás nunha das roldas de prensa do comité clínico, pero si puntualizaba que o 70% que se manexaba cando arrincou o proceso de vacinación no Estado español era unha cifra "desfasada".

Porén, o conselleiro matizou que "non é o mesmo ter a persoas, aleatorias e dispersas sen vacinar, que a todo un grupo de persoas do mesmo rango, que é o que ocorre na Galiza". 

Vacinación da mocidade

Neste proceso xoga un papel fundamental a vacinación da mocidade, concretamente do grupo de entre 12 e 19 anos, sobre todo ante o inminente comezo do curso escolar. "O obxectivo é finalizar a vacinación do alumnado de máis de 12 anos o 19 de setembro", informaba esta pasada quinta feira o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feixóo, na rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno.

Polas últimas declaracións do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o obxectivo para a inmunidade de rabaño parece estar agora contorna ao 90% da poboación inmunizada.

Quendas de vacinación sen completar

Malia o éxito inicial das autocitas para aqueles grupos de idade que aínda non foran chamados a vacinarse, mesmo con colapsos no propio sistema, as últimas quendas lanzadas pola Xunta non tiveron a mesma acollida e Sanidade chegou mesmo a prorrogar o prazo para as solicitudes. 

O presidente da Xunta disculpouse por esta situación afirmando que no Estado español a vacinación non é obrigatoria e as comunidades autónomas tampouco teñen competencias para estipular esa obrigatoriedade.

Nesta situación, o Executivo galego "traballa" para conseguir "canto antes" a inmunización dos ao redor de 224.000 galegos que faltan por vacinar, segundo estimacións de Sanidade, con repescas, novas quendas de autocitas, vacinación para embarazadas e, tamén, para persoas en risco de exclusión.

A terceira dose

Na inmunidade de rabaño podería xogar un importante papel a inoculación dunha hipotética terceira dose, de confirmarse a súa necesidade.

Con relación a isto, o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC), polas súas siglas en inglés) pronunciábase a pasada cuarta feira e afirmaba que "non existe unha necesidade urxente de administrar dose de reforzo de vacinas a individuos completamente vacinados na poboación xeral", segundo un informe técnico emitido polo organismo.

No entanto, o informe sinala que si se deberían considerar doses adicionais para as persoas con sistemas inmunolóxicos gravemente debilitados como parte da súa vacinación primaria, se non logran un nivel adecuado de protección da vacinación primaria estándar.

Tamén afirma que se podería considerar a posibilidade de proporcionar unha dose adicional, como medida de precaución, ás persoas maiores e fráxiles, en particular ás que viven en contornas pechadas, como os residentes de centros de atención a longo prazo.

Algúns países como Israel, China ou Andorra xa comezaron a fornecer dose de reforzo, mentres que outros como Reino Unido e Austria teñen previsto comezar en setembro e outubro, respectivamente.