A Xunta estuda volver fechar a hostalaría nos concellos máis afectados

Cadeiras baleiras nunha terraza (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
O comité clínico que asesora a Xunta na pandemia estuda un fechamento xeneralizado da hostalaría e outras actividades non esenciais nos concellos máis afectados co obxectivo de "limitar a mobilidade".

O comité clínico que asesora a Xunta da Galiza durante a pandemia estuda volver aplicar o chamado 'modelo O Carballiño' ou "algunha variante" nos municipios máis afectados pola pandemia do coronavirus. É dicir, estuda un fechamento xeneralizado da hostalaría e outras actividades non esenciais co obxectivo de "limitar a mobilidade" e que as galegas e os galegos "teñan menos interaccións" sociais.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida este domingo, 10 de xaneiro, á Radio  Galega, en que recoñeceu que o ascenso dos contaxios de Covid-19 no país é "preocupante", aínda que non sexa "exponencial", despois do récord de positivos diarios alcanzado onte, con 914.

Neste contexto, Comesaña vinculou o empeoramento da situación coas reunións de Nadal e Noitevella, xa que o incremento obsérvase "desde o día 5 ou 6 de xaneiro", pero avisou que aínda hai tempo para que afloren máis casos derivados destas datas.

Por iso, após unha fin de semana en que as cidades de Santiago, A Coruña e Ourense pasaron aos niveis máximos de restricións -fechamento da hostalaría ás 18 horas-, o conselleiro incidiu en que o comité clínico ten encima da mesa "unha batería de medidas", entre as que estaría o 'modelo O Carballiño'.

Este modelo, que implicou o fechamento de toda actividade non esencial nese concello, estendeuse logo a outras áreas da zona de Ourense e mesmo ás sete grandes cidades. Agora, o comité clínico, que volverá reunirse na terza feira, estuda utilizalo de novo "ou algunha variante". "A idea é pór medidas para limitar a mobilidade e que a cidadanía teña menos interaccións", xustificou  Comesaña.

Aínda así, dixo que "non é descartábel unha medida conxunta da hostalaría" para toda a Galiza e que teña que fechar ás 18 horas da tarde. "Analizamos todas as posibilidades e valorámolo coas consellarías asociadas ao sector", engadiu.

Fechamento de zonas urbanas

Ademais, o conselleiro recoñeceu que "é unha posibilidade" que se volva confinar perimetralmente a Galiza urbana con carácter xeral, aínda que o comité clínico prefire "traballar de forma cirúrxica, vendo ao detalle cada situación". Neste contexto, tamén admitiu que "está encima da mesa" abandonar o concepto de 'améndoas' -grupos de municipios fechados de forma conxunta, como Santiago, Ames e Teo-, porque "manter eses confinamentos tan grandes ás veces non é fácil".

"Estamos a ver as cuestións a favor e os contras e a decisión tomarase nos próximos días", avanzou, coa vista posta na próxima reunión do comité, en que tamén se prevé adoptar "algunha outra medida" para Ferrol pola suba da incidencia.
Sexan cales sexan as medidas, Comesaña apelou a "dar un tempo prudencial" a que produzan efecto, xa que os resultados non son palpábeis "até que non pasan 15 días", como mínimo, no que respecta á capacidade asistencial.

Preguntado sobre unha eventual limitación de mobilidade por franxas de idade, o conselleiro de  Sanidade insistiu en que o comité clínico "nunca" descarta "ningunha posibilidade", pero non é das solucións que se estuden "en primeira instancia".

Non se contempla o confinamento obrigatorio

O conselleiro volveu suxerir á poboación un "autoconfinamento", xa que unha vez pasadas as festas do Nadal "a idea é que diminúan" as interaccións sociais, especialmente porque hai persoas "que non saben se están contaxiadas".

Segundo as súas palabras, a terceira onda da pandemia "é difícil de predicir" nestes momentos, pero si parte dunha incidencia que xa é "alta" tras o Nadal e fin de ano e dun clima invernal que favorece que as relacións sociais se manteñan "máis en interiores".

Vacinación

O conselleiro afirmou sobre a campaña de vacinación que "o resultado está a ser francamente bo" e o ritmo permitirá que "esta semana" todas as residencias de maiores reciban xa a primeira dose de  Pzifer. A previsión do Sergas, explicou o conselleiro, é que ao longo do mes de xaneiro "todos os residentes e traballadores" de xeriátricos reciban as dúas doses.

Con todo, a pesar da porcentaxe "moi alta" da xente que se está vacinando, o titular de  Sanidade recoñeceu que houbo "algún caso, sobre todo de traballadores" das residencias máis que dos anciáns, que "non quixeron" recibila. "Que o respectamos, pero preocúpanos", engadiu.

Preguntado sobre centros de maiores que nos últimos días detectaron positivos aínda que xa se lles administrara a vacina, Comesaña respondeu que "por desgraza" é “inevitábel” que algún usuario ou empregado xa estivese contaxiado antes ou que contraxese o virus "nos días seguintes", antes de que producise efecto.