A Xunta estende as restricións a Compostela, Ourense, Santa Comba, Carballo e A Laracha

Varios turistas con máscara na praza do Obradoiro, en Compostela (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, avanzou esta medida despois de reunirse co comité de expertos sobre a pandemia. Por contra, haberá menos limitacións en catro concellos da comarca coruñesa.

As prohibicións de manter reunións de máis de cinco persoas non convivintes e de atender á clientela dentro dos locais de hostalaría que impuxo a Xunta a semana pasada en Arteixo e no barrio da Milagrosa, en Lugo, ían hoxe a exame. O obxectivo do empresariado e a veciñanza era que se levantaran, cando menos parcialmente, pero as primeiras noticias após a reunión de expertos non son optimistas.

Segundo os últimos datos, explicou o conselleiro, a área da Coruña mantén unha "tendencia estábel" nos contaxios, cunha "melloría recoñecíbel" nalgúns municipios. Por iso, acordouse levantar as restricións aínda vixentes nos concellos de Bergondo, Abegondo, Carral e Sada.

Pola contra, as restricións manteranse como até agora no da Coruña e no Concello de Lugo, onde "a incidencia se mantivo en ascenso até hai dous días", á espera de coñecer, a próxima semana, se a tendencia se estabiliza. Tamén se manteñen as medidas de restrición reforzada ditadas hai sete días para Arteixo e para o barrio da Milagrosa, na cidade das murallas. 

Ademais destes dous focos, Almuiña explicou que o comité de expertos centrou "a súa atención" noutras áreas que preocupan e nas que se considera "máis prudente tomar medidas" de forma anticipada.

É por iso que se suman ás restricións desde esta noite os concellos de Compostela e Ourense, así como os de Santa Comba, Carballo e A Laracha.

Nestes puntos, as reunións deberán limitarse a un máximo de 10 persoas e aplicarase unha redución de aforamentos en locais de hostalaría de até o 50%, tanto en interior como en terrazas, que non poderán ofrecer servizo en barra. Os estabelecementos fecharán, como moi tarde, á 1,00 da madrugada.

Ademais, a limitación de usuarios afectará a lugares de culto e velorios, bibliotecas, autoescolas e centros privados de ensino, entre outros. Suspéndense as visitas e saídas dos usuarios de residencias e deixarán de funcionar os centros de día. As medidas revisaranse dentro dunha semana en función da evolución epidemiolóxica.

Precaucións nos ximnasios

No caso de Santiago, as medidas de prevención tomáronse despois de que nos últimos días se detectase un surto vinculado ao Multiusos Fontes do Sar. Por ese motivo, nos municipios afectados por restricións será obrigatorio o uso de máscara nos ximnasios, así como o mantemento da distancia de seguridade.

O conselleiro de Sanidade lembrou que tamén un ximnasio estivo relacionado cun dos brotes de maiores dimensións na comunidade, o de Meicende (Arteixo), que afecta tanto á Coruña como á súa comarca.

"A experiencia en Arteixo fainos actuar antes en Santiago", dixo o responsábel de Sanidade, que descartou que, polo momento, exista transmisión comunitaria na capital galega.

As medidas impóñense xa co obxectivo de "tentar non chegar a esa situación", e tendo en conta o tipo de usuarios destes centros -nos que "hai moita mobilidade"-. "Ao comezo da pandemia, probabelmente, non se produciu unha reacción tan rápida, pero neste momento ten que ser así", resolveu.

Poñen o foco nos cinemas e nas xuntanzas familiares

Un dos integrantes do comité clínico, o doutor Sergio Vázquez Estévez, expresou a súa preocupación pola situación nos cinemas, onde os usuarios "sentan xuntos, ás veces sen máscara e sen distancia". Neste sentido, lembrou que se trata "dun espazo interior e mal ventilado", onde "poden xurdir brotes". "É moi importante a responsabilidade individual", recalcou.

Pola súa banda, o doutor Tato Vázquez Lima fixo un chamamento a limitar as reunións familiares e o contacto con persoas non convivintes se non son "estritamente necesarias", así como a que os contactos estreitos de calquera positivo, aínda que teñan unha PCR negativa, "garden corentena". "É a única maneira de parar as cadeas epidemiolóxicas", apuntou.

As medidas acordadas polo comité publicaranse hoxe no DOG e entrarán en vigor esta medianoite coa excepción da relativa ás vodas -que ven limitada a capacidade dos seus lugares de celebración ao 50%-.