A Xunta esquece os “retos e necesidades” dos colexios no plan de atención á diversidade

Crianzas nunha aula, na imaxe de arquivo. (Foto: CIG)

Denuncian que a nova orde non implica ningunha novidade polo que, entre outras cuestións, “segue sen dar resposta á atención ao alumnado con necesidades especiais”. Unha representación sindical afirma que as políticas do Executivo galego fan que se vaia “dez anos” por detrás do que debería ter avanzado na inclusión nas aulas.

A nova orde da equipa de Alberto Núñez Feixoo para atender a diversidade nos centros educativos do país é insuficiente porque deixa a un lado os “retos e necesidades” que tiñan as infraestruturas. Hoxe alertou desta problemática a central CIG-Ensino, que considera que o plan pasou pola mesa sectorial “sen que mudase nada substancial” cando se precisaban cambios.

“Regulación burocrática e formal, reprodución e actualización de normas publicadas após o Decreto do 2011 mais sen ningún paso adiante, ausencia de compromiso coa dotación de recursos humanos, materiais e formativos e unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que interpretan como gasto”, resumiu a representación sindical sobre a orde.

A central denuncia que a Consellaría de Educación continúa a dar prioridade a unha “visión economicista” na que as e os alumnos con capacidades diferentes fican á espera.

Por exemplo, respecto ao documento, pón en dúbida puntos como o feito de que a carga de traballo das e dos educadores sexa a mesma.

“Non se pode atender correctamente a atención á diversidade sen recursos profesionais suficientes e sen unha redución da rateo nas aulas ordinarias cando temos alumnado”, lamenta. De feito, pensa que a Xunta non está a dar conta da “realidade” das infraestruturas académicas.

Para a representación do Ensino, a norma vén a ser unha “declaración de intencións e unha ordenación burocrática e normativa que, como sempre, quedará en papel mollado”.

Supoñen que iso vai ser así porque “vincula a atención á diversidade coa dispoñibilidade horaria do actual profesorado dos centros, a dotación insuficiente de persoal (coidador, intérprete de signos) ou inexistente (sanitario, fisioterapeuta, educador social) e mesmo a posíbel privatización de servizos que son responsabilidade” do departamento que dirixe Román Rodríguez.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, entende que a diversidade vaise atender igual que hai case dez anos, polo que a inclusión das estudantes non vai ser tal para os avances sociais que existen hoxe en día fóra do ámbito educativo.