A Xunta entrega 211 millóns á sanidade privada

Hospital de Povisa en Vigo, propiedade do grupo Ribera Salud. (Foto: Europa Press)

Os orzamentos públicos son unha das principais vías de financiamento dos centros sanitarios privados. O Consello de Contas cifra as achegas da Xunta a sanidade privada en 211 millóns de euros no 2021, último ano con datos. Mentres tanto, continúan os retallos no sistema sanitario público.

O Goberno galego entregou á sanidade privada 211.466 millóns de euros en 2021. Segundo recolle o Informe de fiscalización da conta xeral do Servizo Galego de Saúde de 2021, elaborado polo Consello de Contas e presentada o pasado 28 de xullo, o 62,7% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada.

O 37,3% restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados, entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 138,7 millóns de euros no último exercicio fiscalizado polo Consello de Contas. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade de prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas.

Concertos

A maioría dos acordos recollidos nestes concertos cos grupos sanitarios privados inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade nos centros públicos e privados.

O centro vigués de Povisa é o hospital privado máis beneficiado pola Xunta da Galiza, recibindo en 2021 a cantidade de 78,7 millóns de euros, 8,5% máis que na anterior anualidade. O complexo sanitario, é propiedade desde 2019 de Ribera Salud, filial española da multinacional francesa Vivalto Santé.

Povisa  mantense desde hai anos no foco, ao ocupar algúns dos seus directivos importantes responsabilidades no Goberno galego, como acontece coa súa anterior xerente María Luisa Brandt Sanz ou a ex conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez.

As relacións entre os grupos sanitarios privados e o Executivo galego están no foco da acción fiscalizadora do Consello de Contas.  Así, no seu informe do ano 2021, afirma que “os contratos nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover concorrencia na oferta” e destaca ademais que “esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado”.

As queixas desa anualidade reiteran as formuladas para os exercicios anteriores, onde denuncia existencia de contratos “sen cobertura legal”, así como “servizos nos que non se emprega ningunha forma contractual” e a ausencia de “soporte contractual axeitado” ou a “existencia de obrigacións con entidades (algunhas delas incluídas no apartado 'resto de entidades') que non están soportadas por un concerto ou autorización de uso”.