A Xunta elimina este sábado as restricións horarias na hostalaría

A hostalaría galega volve este sábado á situación previa á pandemia (Foto: M. Dylan / Europa Press).
As limitacións marcaraas a licenza de cada local. Mentres tanto, a hostalaría galega agarda a publicación do Diario Oficial da Galiza (DOG) para coñecer o alcance real do anuncio do Goberno galego.

A Xunta da Galiza eliminará ás 00.00 horas deste sábado as restricións sociosanitarias que rexen actualmente no sector hostaleiro. Así o vén de confirmar o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Deste modo, suprimiranse todas as restricións horarias, que até o de agora estaba condicionada polas medidas de prevención contra a Covid-19 adoptadas por cada local.

A partir deste sábado, porén, o único límite marcarao a propia licenza de cada local en función das súas características e servizos prestados —bar, restaurante, cafetaría, pub, etc.—, polo que o país volverá á situación previa ao estoupido da pandemia a comezos de 2020. Estas medidas, segundo indicou Núñez Feixoo, afectan tamén o sector do lecer nocturno, que verá suprimida a limitación horaria.

"Chegou o momento de eliminar prohibicións e centrarse nas recomendacións", defendeu o presidente da Xunta, que tamén lembrou que a presentación do certificado Covid, pola contra, seguirá a ser obrigatoria.

O sector, en contra do certificado Covid

Por outra banda, a Xunta non anunciou que retire outras restricións, como a petición do certificado Covid na entrada dos locais ou o mantemento da distancia interpersoal de 1,5 metros de distancia.

O presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, manifestou esta quinta feira a súa oposición á continuidade do certificado Covid para acceder aos locais de hostalaría, cuxa prórroga até o 26 de febreiro —a súa vixencia remata este sábado— xa solicitou a Xunta perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

"Estamos en desacordo, non hai motivos agora mesmo dada a situación. Por exemplo, Dinamarca e Suecia xa decretaron a fin da pandemia e noutros territorios estase a levantar a exixencia de pedir o pasaporte Covid nos estabelecementos de hostalaría, polo que solicitamos á Xunta que siga o mesmo camiño", apuntou Real.

O da hostalaría, salientou, é "o único sector onde se exixe", mentres hai outros "como o transporte ou o comercio" onde o seu uso non é obrigatorio.