A Xunta Electoral Central avala o DNI dixital como medio de identificación para votar
O organismo arbitral estabelece que é válido utilizar o documento de identificación dixital por tratarse dun "documento oficial".
A Xunta Electoral Central (XEC) avalou a versión dixital do Documento Nacional de Identidade (DNI) como medio de identificación para poder exercer o dereito a voto, co que poderá utilizarse xa nas próximas eleccións que teñan lugar.
O organismo arbitral deu a súa autorización ao uso desta versión do documento de identificación nun acordo co que dá resposta á consulta realizada pola directora xeral de Política Interior, Carmen López García.
A XEC estabelece que é válido utilizalo por tratarse dun "documento oficial" que inclúe a fotografía do votante conforme regula o artigo 85.1 Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Lorex). Por iso, pide que se faga constar este criterio nos manuais de instrucións para as persoas que integran as mesas electorais a utilizar nas próximas eleccións.
Polo momento, as únicas con data anunciada no Estado son as eleccións de Castela e León co que a previsión é que eses sexan os primeiros comicios nos que poida votarse co documento de identificación dixital. Na Galiza teremos que agardar até as eleccións estatais de 2027 —se non hai adianto electoral— para estrear esta forma de identificación nuns comicios.