O Goberno galego edificou 40 vivendas de promoción pública en cinco anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervindo no Parlamento galego.

As políticas públicas de vivenda e as propostas en materia social centraron o pleno do Parlamento da Galiza desta cuarta feira. Mentres nacionalistas e socialistas reclamaron feitos e un cambio de rumbo ao Goberno galego, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, limitouse a confrontar coas forzas da oposición.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou esta cuarta feira, durante a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento, que “acceder a unha vivenda digna é misión imposíbel nas cidades”, onde “o aluguer aumentou nos últimos anos 47%”, até o punto “de ser moi complicado atopar unha vivenda na Coruña, Compostela ou Vigo por baixo de 600 euros mensuais”.

A líder da oposición significou que “a Galiza ten o peor dato de exclusión residencial de todo o Estado” segundo o informe Foesa e recordou que “a Xunta só edificou 40 vivendas de promoción pública", tal como se recolle na memoria de conclusiós do Plan de vivenda 2015-2020, presentada na Cámara.

Pontón denunciou “o fracaso do plan Rexurbe de rehabilitación de vivendas”, que propuña arraxar 1.500 inmóbeis e só acometeu a reforma de nove. Nesta liña, a dirixente do BNG lamentou a “redución dun 50% das axudas do aluguer” e reclamou “menos pelotazos fiscais en beneficio dos millonarios e máis políticas sociais de vivenda”.

"Mudanza" nas políticas sociais

Pola súa parte, o voceiro parlamentario do Partido Socialista, Luís Álvarez, defendeu unha mudanza nas políticas sociais da Xunta da Galiza á vista dos diversos indicadores independentes que colocan o país na cola neste ámbito. Así, denunciou que o Executivo galego “está afogando os Concellos en materia da dependencia ao non transferir os fondos necesarios para a prestación deste servizo”. Asemade, lembrou que 25.000 persoas fan parte das listas de agarda so Servizo de Axuda no Fogar, non recibindo tal prestación malia cumprir con todos os requisitos.

Álvarez denunciou os problemas de funcionamento do transporte público, pondo como exemplo que “un veciño de Navia de Suarna que debe desprazarse a Lugo por cuestións médicas debe pagar 200 euros de taxi”. Na mesma dirección, significou que “a Rede Galega contra a Pobreza entende que a vivenda é o primeiro eixo” das políticas sociais e asegurou que “sen unha solución a esta cuestión non é posíbel a reactivación”.

"Estabilidade"

Alfonso Rueda, pola súa parte, respondeu facendo oposición ás políticas aplicadas polo Goberno de coalición do PSdeG e o BNG na Xunta entre 2005 e 2009. O presidente galego contrapuxo “estabilidade e falta de improvisación” ante as propostas dos socialistas, puxo en valor a súa acción de Goberno en relación coa xestión do bipartito e asegurou que “nós temos claro que os servizos sociais van ser moi importantes”.

O mandatario galego aproveitou a sesión de control no Parlamento para criticar as políticas do Executivo estatal. Así, denunciou o funcionamento do ingreso mínimo vital (IMV), asegurando que “máis de 60% das galegas e galegos con dereito a esta prestación renunciaron a ela para continuar recibindo a Risga porque saben que Xunta xestiona ben”.