A Xunta, disposta a deixar na rúa unha muller con tres crianzas ao cargo, dúas delas dependentes

Concentración en Vigo contra o despexo de Analía Méndez [Imaxe: B.R.]

R.P., que veu dar á Galiza fuxindo da súa parella ao se atopar en situación de violencia machista, vivíu os últimos cinco anos nun piso cuxo aluguer polo que pagaba 175€ en aplicación da Lei integral contra a violencia de xénero. O contrato expira a finais de xaneiro e a Xunta non ten intención de o renovar. 


Prefire agochar a súa identidade detrás das siglas R.P. "porque a xente fala moito sen saber", mais non ten problema en falar cunha xornalista. Ao contrario. Quere que a súa historia se coñeza. Se a presión social non o remedia, a finais de xaneiro quedará sen casa canda as súas tres crianzas menores de idade: unha muller de 17 anos e dous homes de 15 e 13 que sofren diversidade funcional por un problema ocular e que teñen recoñecido o primeiro grado de dependencia, malia non cobrar prestación ningunha. 

Ela propia ten recoñecida tamén unha discapacidade do 33% ao padecer unha doenza respiratoria e dificultades de audición. "Estou tan desesperada xa ao non recibir ningún tipo de solución que vou aproveitar esta minusvalía a ver se algunha empresa me contrata agora", di R.P., quen leva desde xuño petando nas portas da Xunta e do Concello de Vigo sen que ninguén abra. Desde o Concello, o goberno de Abel Caballero (PSdG-PSOE) explica que non poden facer nada porque o piso en que mora a familia está tutelado pola Xunta; e na Xunta din que non poden renovar o contrato porque a duración está limitada a cinco anos. 

R.P. non podería quedar logo nesa vivenda mais, que acontece cos outros 18.000 inmobles que a plataforma Stop-desafiuzamentos estima que hai baleiros na cidade olívica? "Pido que me dean outro piso de aluguer social porque non podo pagar eu soa unha vivenda", razoa a muller, cabeza de familia. Asegura que nestes seis últimos meses procurou por unha casa, mais "o mínimo que me piden son 350 euros e se os meto no aluguer como pago a auga? E a luz? E a comida?" Xa agora, cando os seus ingresos se limitan aos 426 euros dunha renda de inserción, R.P. recorre á solidariedade das organizacións sociais viguesas para que lle axuden coa alimentación. 

En situación de violencia machista

Por que a Xunta lle concedeu o piso en que mora desde hai cinco anos? En aplicación da Lei integral contra a violencia de xénero, pois R.P. veu dar á Galiza "fuxindo" de Portugal, onde partillaba vivenda coa súa parella, após denuncialo por malos tratos. Primeiro viviu en Cee e finalmente desprazouse a Vigo, onde atopara un emprego.

Malia que a denuncia por violencia machista non se resolveu aínda --"estou nos tribunais en Portugal e aquí para que me pague a manutención"--, o Goberno galego estima que non é posíbel renovar o contrato de aluguer e non achega ningunha outra solución. Desde Stop-desafiuzamentos, a activista Carlota Pérez informou xa en conversa con Sermos Galiza que tan pronto como o Concello resolva de maneira definitiva a situación de Analía Méndez encetarán as mobilizacións para frear este novo despexo.