A Xunta desoe o clamor de Seixo e reduce aínda máis a atención médica no centro de saúde

Un treito da cadea humana que se formou o domingo en Seixo, Marín. (Foto: CIG)
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo -que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo- denuncia que a Consellaría de Sanidade rebaixou a presenza de facultativos no ambulatorio rural de Marín após a cadea humana en defensa da atención primaria na infraestrutura.

“Despois do éxito da cadea humana, a Xunta segue maltratando a veciñanza das parroquias con catro horas de médico en Seixo”, no concello de Marín. Vista esta acusación parece que nin as pasadas promesas da Consellaría de Sanidade nin a mobilización social da veciñanza tiveron efecto en San Caetano.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo acusou esta cuarta feira ao Goberno galego e ao Goberno local de Marín de desatender as demandas da cidadanía sobre as necesidades no ambulatorio.

“Se despois de tres meses pasa isto é que por parte do Concello non hai nin xestións nin nada, como pasou co feche de Abanca en Seixo”, alerta o colectivo.

O “isto” ao que se refire é o feito de que o único doutor que queda no centro de saúde -após deixar sen cubrir a praza vacante pola xubilación do outro facultativo que prestaba atención na infraestrutura este mesmo verán- non está traballando esta semana e “no seu lugar a Xunta manda catro horas a un médico”.

Advirten de que isto vai provocar un incremento da demora na atención ás pacientes, que xa estaban a agardar arredor de 20 días para conseguir unha cita “a pesar dos esforzos do persoal do consultorio”.

A entidade mesmo chega a afirmar que “se puxo en circulación un bulo de que viña outro médico a Seixo -onde se atenden as parroquias de Santomé, O Campo, Ardán e Seixo-, para que a xente pensase que o problema xa estaba amañado, pero o certo é que estamos peor que antes da cadea humana”.

O doutor que os atende de momento non dá cuberto as necesidades en catro horas, polo que xa na segunda feira “tivo que prolongar o seu traballo máis alá das catro horas marcadas por contrato”.

Isto é intolerábel: maltratan o persoal e maltratan os pacientes”, reflexionan, pedindo algún cese. Vista a “insensibilidade aos recortes na sanidade” que achacan á Xunta e á carencia de acción por parte “da alcaldesa”, anuncian novas medidas de presión para que se solucione este conflito.