Afirma que declarar "praga" é responsabilidade do Goberno central

A Xunta desenténdese da praga das velutinas

Vespa velutina.

A Xunta desenténdese da praga das vespas velutinas. Así o expresou esta segunda feira a conselleira de Medio Rural Ángeles Vázquez, quen asegurou que a declaración de “praga non é competencia da consellaría nin do Goberno galego”. Vázquez apuntouse a unha táctica clásica nos executivos de Núñez Feixóo e afirmou que a resonsabilidade é da Moncloa.
 

“Hai un plan habilitado de carácter nacional [sic] e estase a traballar nese ámbito”, estendeuse a titular de Medio Rural. A conselleira engadiu, a maiores, que en realidade “esta especie veu para quedar e polo tanto hai que convivir con ela”. Por unha banda, di carecer de competencias. Pola outra, considera que “se alguén di que vai rematar coa velutina está enganando”.

 

A acción do Goberno galego ao respecto céntrase “nunha comisión de seguimento coa Fegamp”. Vázquez aproveitou, nun novo xiro habitual dos coonservadores, para sementar dúbidas sobre o labor dos concellos. “Hai concellos colaboradores e outros non e hai unha media guerra, entre aspas, coa que temos que convivir”, indicou.

 

“Sen resposta política á altura”


Para o BNG, porén, a Xunta “evade as súas responsabilidades na praga da velutina”. Expúxoo o deputado Xosé Luís Rivas despois de se reunir co presidente da Asociación Galega de Apicultura, Xesús Asorey. “O Goberno galego segue a botar balóns fóra e non admite que estamos ante unha praga de grandes dimensións e que a velutina é un problema moi grave”, opinou Rivas.

 

O parlamentario nacionalista lembrou que as vespas velutinas afectan as abellas, a falta de polinización dos cultivos, a saúde das persoas. “Agora estanse utilizando medios caseiros que non son máis que tiros ao aire”, declarou, “e non hai unha aposta política clara á altura do probelma”. Xesús Asorey lembrou que “a praga está descontrolada e os apicultores indefensos”.