A Xunta desbota realizar inspeccións en todas as residencias e centros de día

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A pandemia marcou un antes e un despois en canto a exixencia de inspeccións e exames nas residencias de persoas maiores, especialmente golpeadas pola Covid-19. Porén, en 2023, na Galiza, eses controis públicos non chegarán a todas as residencias, como demandan as familias. 

A Inspección de Servizos Sociais da Xunta prevé visitar en 2023, 80% das residencias de maiores galegas e 50% dos centros de atención diúrna da terceira idade. Unha cifra que se ben podería aumentar se hai denuncias, queixas e reclamacións,desbota de inicio cubrir toda a rede existente deste tipo de centros, tal e como demandaban desde a pandemia colectivos e organizacións de persoas usuarias e familiares. "Houbo un tempo en que a conselleira falaba publicamente de no mínimo facer unha inspección anual por cada residencia", sinala a Nós Diario Paulino Campos, da Federación de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia (REDE).

O plan de inspección de Servizos Sociais para este ano que publicou onte o Diario Oficial da Galiza (DOG) así o recolle. Trátase dun documento no que figuran as principais liñas de actuación a realizar, cunha previsión numérica de instalacións que se verificarán. 80% dos xeriátricos supón a mesma cifra que os que contemplaba o plan do pasado 2022, mentres que para os centros de día de maiores revisaranse 50%.

Ademais, os inspectores e inspectoras da Consellaría de Política Social e Xuventude prevén acudir este 2023 a 59 residencias de persoas con discapacidade (55% das existentes) e 68 centros de atención diúrna a este colectivo (45%). No que respecta ao Servizo de Axuda non Fogar (SAF), anúnciase que se inspeccionarán este ano 100 empresas privadas, o que representa apenas a metade das existentes.

Denuncias

O ano pasado tramitáronse 559 denuncias: 299 en materia de maiores, discapacidade e dependencia, 150 de servizos comunitarios e inclusión social, e 110 de familia e menores. 

Porén, tanto desde a oposición, como sindicatos ou colectivos de familiares de persoas usuarias demandaron maior implicación da Administración .