A Xunta desbota novas restricións na área da Coruña, que se achega aos mil positivos

As restricións polas repuntas do coronavirus afectan de forma especial á hostalaría e ao ocio nocturno. (Europa Press)
A redución das taxas de contaxio e de casos con orixe descoñecida, xunto coa falta de "evidencias" de que o foco de coronavirus que afecta á Coruña e a súa comarca se estea a propagar noutros puntos da Galiza, xusfican a decisión da Xunta de non engadir restricións na área sanitaria que acumula dous terzos dos casos de coronavirus da Galiza.

Tres de cada catro novos contaxios do coronavirus na Galiza prodúcense, a día de hoxe, na área sanitaria da Coruña. O dato deuno onte o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao remate da xuntanza do comité clínico do Sergas onde se avaliaba a evolución da situación epidemiolóxica, que deixa 1.623 casos na Galiza, seis deles na UCI, e as medidas de prevención e control dos surtos, en especial no situado nesta cidade e os concellos limítrofes e, en menor medida, en Ourense.

Porén, malia o aumento de casos na última semana –de 465 a 960, 59% do total de positivos na Galiza–, a Xunta non aplicará novas restricións –si máis medidas para o seguimento do virus– nestes nove municipios, senón que manterá as adoptadas de urxencia hai dúas semanas, cando as cifras de contaxios na Coruña e os concellos limítrofes experimentaba un aumento "brusco", ao pasar en dous días dos 177 casos aos 322. Estas afectan de maneira especial ao ocio nocturno, que ten prohibición de apertura nos seus locais, e á hostalaría e restauración, con limitación de horario até a unha da madrugada e redución da capacidade dos estabelecementos á metade, aínda que tamén van referidas á redución de visitas nos centros sociosanitarios e de acompañamento a persoas hospitalizadas, ademais de horarios de atención preferente para persoas maiores de 75 anos no comercio.

O motivo, segundo sinalou Feixoo, a redución que está a experimentar a taxa de incidencia da enfermidade nesta zona nos últimos tres días, que pasou, segundo os datos achegados, dos 127 casos por cen mil habitantes de hai sete días aos 44. Na comparecencia da semana pasada, o mandatario fixaba a taxa en 92,6 casos, case o cuádruplo que a galega nesa data, moito máis próximas nas cifras de onte, na que a galega ascende a 34,5, tendo como referencia a última semana. Feixoo aludiu tamén ao número de casos "orfos" na comarca coruñesa, aqueles dos que se descoñece a orixe, de 18% a 8%, e á falta de "indicios" de que exista transmisión do virus dos núcleos con maior incidencia a outras zonas da Galiza, algo que si xustificaría as limitacións de mobilidade que se estudaban hai unha semana, pero que onte nin sequera se mencionaron.

"O que máis lle preocupa ao comité clínico é que se cumpran as medidas adoptadas nos últimos días. Hai moita xente que entra e sae das zonas perimetrais da cidade, moitísimo turismo, e o que nos preocupa é cumprir, máis que valorar algunha restrición adicional, unha vez que non aparece acreditado en ningún momento que se estean estendendo os casos", manifestou o presidente do Goberno galego, antes de supeditar a imposición dalgunha limitación concreta para a comarca coruñesa –relativa á capacidade dos estabelecementos ou a "algunhas actividades"– á análise de datos que o comité clínico volverá realizar mañá. 

"Na Galiza levamos actuando desde o primeiro día e imos seguir actuando", salientou Feixoo, quen apuntou que a situación de emerxencia sanitaria  implantada en marzo pola Xunta segue "con matices" vixente a día de hoxe.

Cribado entre a mocidade coruñesa  

Para afrontar o principal foco do coronavirus na Galiza, a Xunta iniciou onte un programa de cribado na poboación de entre 18 e 40 anos da Coruña, por ser este "o colectivo máis afectado". Serán, segundo adiantou Feixoo, 62.000 probas, que se suman ás que se están a realizar desde esta semana a colectivos profesionais "sensíbeis" dos concellos con máis casos –A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada–, como son o persoal de farmacia, Protección Civil, Policía ou do servizo de axuda no fogar, así como funcionariado local, que chegarán ás 2.645.

O dirixente da Xunta tamén avanzou que o Sergas continuará o "intensísimo labor" de detección de casos que está realizando, cunha medida de 900 PCR ao día na Galiza, "o triplo que en abril".

O virus ataca máis os barrios populosos e con menor renda

Feixoo sinalou na súa comparecencia os puntos onde o foco coruñés de coronavirus está a afectar de maneira máis intensa: os Mallos, a Agra do Orzán, a Sagrada Familia e o Ventorrillo, os barrios coa maior densidade de poboación da cidade –acumulan máis dunha cuarta parte do total de habitantes da Coruña– e nos que a renda per cápita da veciñanza é máis baixa.

O distrito da Agra, con 26.199 residentes en apenas 0,45 quilómetros cadrados é, de feito, un dos máis densos de toda Galiza, cunha taxa case dez veces por riba da medida da Coruña, mentres que o dos Mallos, con 30.549 persoas en 1,1 km cadrados, é o segundo da Coruña en densidade de poboación.

En canto á renda per cápita media, calquera destes catro barrios están por debaixo da media da cidade, que se sitúa en 23.206, segundo datos da Axencia Tributaria correspondentes a 2017. No caso da Agra-O Ventorrillo, trátase da área con menores ingresos, segundo estes parámetros, cunha media anual  de 18.704 euros, por debaixo dos Mallos (19.198) e a Sagrada Familia-Vioño (21.988). 

A tendencia de maior incidencia do virus en núcleos populosos e con menor renda esténdese a outros puntos da comarca sinalados por Feixoo, como O Burgo (en Culleredo), o Temple (Cambre) ou Meicende (en Arteixo), aínda tamén sinalou lugares con maior capacidade adquisitiva en distintas parroquias de Oleiros (Santa Cruz, Santa Cristina, Perillo e Mera).

Na intervención, Feixoo apuntou directamente a outro colectivo, o máis novo, como o máis afectado neste surto, en especial na franxa entre os 15 e os 25 anos. Segundo indicou, tres de cada catro positivos na área sanitaria coruñesa están hoxe por debaixo dos 40 anos.