A Xunta desactiva a alerta por escaseza de auga na ría da Coruña, Arteixo e río Mero, que está vixiado

Inundacións polo desbordamento do río Tambre en Oroso (Foto: Arxina)

As precipitacións da última semana mantiveron baixo vixilancia varios ríos nos últimos días, maisa tregua das últimas horas permitiu deixar unicamente catro baixo a vixilancia do Inungal: Mero (Betanzos), Miño (Lugo), Avia (Ladra) e Ladra (Begonte).

Con todo, as abundantes choivas permitiron desactivar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 11, correspondente ao sistema de explotación do río Mero (que segue de feito baixo vixilancia), Arteixo e ría da Coruña.

Ademais, as precipitacións caídas durante a fin de semana e a segunda feira puxeron en alerta o río Tambre ao seu paso por Ames, de maneira que aínda que xa está en niveis habituais, segue cheo -fóra de vixilancia de inundación- ao seu paso por Ponte Maceira. Pola súa parte, a estrada que une Piñeiro e Tapia segue cortada polos anegamentos e na praia fluvial mantense o desborde do río.

Neste contexto, a Dirección Xeral de Emerxencias pide á poboación que adopte medidas de autoprotección que contribúan a garantir a súa seguridade.

A xornada da terza feira tivo a Ferrolterra como punto de maior vixilancia, após as inundacións que anegaron varias vivendas (até once) e os grandes danos causados polas precipitacións. En xeral, a provincia da Coruña foi a que rexistrou maior número de incidencias nesa xornada.

De feito, o 112 Galiza xestionou desde o mediodía da segunda feira até as 8 deste martes un total de 220 incidencias relacionadas coa situación meteorolóxica e hidrolóxica, das cales 50 producíronse durante a noite, isto é, desde a medianoite até as 8 horas da terza feira.

A maior parte das intervencións (112) estiveron motivadas polas inundacións en rúas, estradas, vivendas, baixos e garaxes. En menor medida, rexistráronse árbores caídas (47) e desprendementos de terras e pedras (16).

Hoxe,  a Galiza quedará durante o día nunha situación intermedia entre altas e baixas presións coa chegada dunha fronte na segunda metade do día. Será unha xornada de ceos nubrados, con chuvias pola tarde, máis probábeis canto máis ao oeste do país.

As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas seguirán sen cambios. O vento soprará de compoñente sur, frouxos en xeral no interior; moderados na costa, con intervalos fortes no litoral da Coruña.

E mañá, quinta feira, chegará unha nova fronte e deixará unha xornada de moita humidade na metade oeste da Galiza. Polo tanto, o ceo estará parcialmente cuberto con precipitacións máis persistentes na metade sur. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas non terán cambios. O vento soprará do suroeste, forte entre Fisterra e Estaca de Bares. Para a sexta feira prevese un descenso na posibilidade de chuvias na Galiza.