Fin da máscara nos patios dos colexios

Rapazada do CEIP Manuel Mallo de Nadela durante o primeiro día do curso escolar 2021-22 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Consellaría de Sanidade indica nun comunicado que a Xunta deixa de recomendar o seu uso nos espazos ao ar libre dos centros educativos da Galiza.

O subcomité clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia sociosanitaria, reunido nesta quinta feira, acordou deixar de recomendar o uso da máscara nos espazos ao ar libre dos centros educativos do país.

As persoas expertas, segundo informa a Consellaría de Sanidade a través dun comunicado, tomou esta decisión "tras avaliar a situación epidemiolóxica da Galiza e a grande porcentaxe de poboación pediátrica e xuvenil vacinada".

"A Galiza é o primeiro territorio en porcentaxe de poboación infantil vacinada, con 73,5% dos nenos e nenas con alomenos unha dose, 21 puntos por riba da media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, 41,1% das e dos menores de 12 anos contan coa pauta completa, 13 puntos por riba da media do Estado español", salientan.

Por outra parte, Sanidade avanzou que as persoas expertas están a traballar nun novo protocolo para a vixilancia dos casos da Covid-19 "para a nova etapa de transición".

Outro tema que se abordou na xuntanza do subcomité foi a guerra en Ucraína e a atención ás persoas refuxiadas que chegan ao país.

"Para iso, estase a estabelecer un documento que recolla os procesos máis importantes a ter en conta nesta poboación a nivel sanitario, tales como a atención en procesos agudos, a vacinación contra a Covid-19 e doutras enfermidades transmisíbeis como a  tuberculose ou o sarampelo, alén de vixilancia de enfermidades de interese, entre outros procesos", apuntaron desde Sanidade.

Cómpre lembrar, aliás, que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou esta cuarta feira que "cada vez queda menos" para a retirada das máscaras en espazos interiores.