A Xunta deixa sen executar 66 millóns de euros para fixar poboación no rural

Entre 2010 e 2016 Galiza perdeu perto de 80.000 habitantes

A Xunta deixou sen executar 66,4 millóns de euros das partidas destinadas á Fixación de Poboación no Rural, Modernización e diversificación do tecido produtivo e apoio á mellora da competitividade. Así o denuncia a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez, quen acusou o goberno galego de “orzamentar contías para despois non executala” convertendo os Orzamentos en “papel mollado que só serven para facer publicidade e propaganda”.

 

30 por cento dos galegos viven en concellos de menos de 10.000 habitantes, lembrou a parlamentar, que explicou que entre 2010 e 2016, Galiza perdeu 79.128 habitantes, o saldo vexetativo empeorou, hai 19 concellos que pasaron a ter menos de 2.000 habitantes, e os de menos de 10.000 habitantes perderon 54.874 persoas.

 

O encerramento de oficinas bancarias, as deficiencias no transporte por estrada e ferrocarril, a caída drástica da calidade da atención sanitaria pública, a falla de escolas infantís, a insuficiencia de prazas en centros residenciais... son algúns dos indicadores de perda de de calidade de vida no rural perante o que a Xunta se mostra “impasíbel”, xulga a deputada do PSdeG.