Denuncian que a Xunta deixa caducar o trámite de extinción dun encoro de 1899 no río Verdugo

Imaxe dun tramo dun río

Adega e Pladever consideran “escandaloso” a  “demora en resolver o expediente dunha concesión administrativa que hai anos debera estar caducada e restituído o río afectado. Tales demoras non son infrecuentes no proceder da Xunta e curiosamente adoitan beneficiar os intereses das concesionarias”.

Adega e A Rente do Chan-Pladever (Plataforma pola defensa do río Verdugo) informan que a Xunta declarou a caducidade e arquivou os trámites para extinguir a concesión do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno, no río Verdugo. “O motivo argumentado por Augas de Galiza é que ela mesma non resolveu no prazo legalmente establecido (18 meses) o expediente de caducidade deste encoro, cuxa concesión rematou en abril de 201”7.

O aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno no río Verdugo data do 20 de setembro de 1899, sinalan ambos os dous colectivos. “Dende aquela á actualidade sufríu varias modificacións que produciron alongamentos do prazo concesional que finalmente rematou en 2017, 118 anos despois do seu outorgamento”. O actual titular da instalación é Naturgy.

Durante o último prazo concesional o encoro de Ponte Inferno foi obxecto ademais de numerosas denuncias e expedientes de "regularización" por incumprimento dos caudais ecolóxicos ou deficiemcias nos sistemas de remonte de peixes, entre outras irregularidades que a día de hoxe seguen sen subsanarse”.

A reclamación da extinción da concesión iniciouse cunha petición de Pladever en outubro de 2018, que deu lugar a que en decembro dese ano Augas de Galiza abrira un expediente de extinción por esgotamento do prazo concesional.

En xaneiro de 2019 Naturgy presentou alegacións ás que “os ecoloxistas respostamos (marzo de 2019) esixindo o precintado cautelar do encoro. Inexplicabelmente, a administración deixou pasar máis de 8 meses (até novembro de 2019) para mover un papel, e outros 7 meses máis (até xuño de 2020) para emitir o informe, xusto 10 días despois de que por lei caducara o trámite de extinción...” 

Na mesma situación poderían atoparse, denuncian estes colectivos, tamén outros 4 expedientes de extinción de concesións: 2 máis de Naturgy nos ríos Lambre e Anllóns e outros 2 Enel Green Power nos ríos Vexo e Mandeo.

Desde Adega e Pladever consideran “escandaloso” a  “demora en resolver o expediente dunha concesión administrativa que hai anos debera estar caducada e restituído o río afectado. Tales demoras non son infrecuentes no proceder da Xunta e curiosamente adoitan beneficiar os intereses das concesionarias”.