A Xunta deixa as mulleres maltratadas sen acceso á vivenda

Dupla páxina do número 120 de Sermos

Após rematar o Plan Aluga, o goberno galego non habilitou un programa de vivenda para mulleres en situación de violencia machista.

 

"Os recursos cos que contan estas mulleres son moi poucos", conta Rosa Fontaíña desde a Rede contra os malos tratos de Vigo. En conversa con Sermos Galiza explica que logo de rematar --en 2011-- o Plan Aluga (2009) "non hai axudas" para aquelas mulleres que se atopan en situación de violencia machista. "Cando saen dos centros de urxencia", onde só poden permanecer durante 3 meses, explica, "dinlles que se busquen a vida". 

E a situación é moi complexa en practicamente todos os casos. Sen traballo remunerado (nómina), nen recursos, e con crianzas ao seu cargo, Fontaíña afirma que "o primeiro que precisan é unha vivenda". Porén, a Xunta de Galiza non disponibiliza un programa habitacional específico para as mulleres maltratadas. E "nos orzamentos que está a deseñar o goberno", sinala, "pola información que temos non se van incrementar os cartos destinados á violencia de xénero". 

"Nos orzamentos que está a deseñar o goberno, pola información que temos non se van incrementar os cartos destinados á violencia de xénero"

O único plan de vivenda que na actualidade mantén o Partido Popular na Xunta de Galiza é o destinado ás persoas despexadas. Mais nestes casos as mulleres atinxidas pola violencia machista partillan listaxe de agarda con milleiros de persoas en todo o país. Aliás, só poden acceder a el se foron expulsas das súas vivendas. Un feito que non acontece sempre. 

"A secretaria xeral de igualdade díxome que van ver de pór en andamento de novo o Plan Aluga, mais nós coidamos que esas partidas non se deberan interromper". Entre mentres, desde a Rede contra os malos tratos "tentamos axudarlles no que podemos" mais "non temos recursos". 

"Unha barreira máis"

Rosa Fontaíña asegura que unha das medidas que urxen é "elaborar un perfil de mulleres" para procurar vivendas partilladas. Así as cousas, para iso son precisos recursos económicos, humanos e materiais cos que a Rede non conta. 

"Hai mulleres que viven, mesmo con crianzas, do Banco de alimentos"

Esta realidade, salienta, "supón unha barreira máis" para as mulleres maltratadas pois "non teñen a onde ir" e "sofren un retroceso na súa rehabilitación". "Non sabemos o que vai pasar", sentencia. 

Rosa Fontaíña alerta da "dramática" situación que atravesan moitas das mulleres que acoden á Rede contra os malos tratos de Vigo. "Hai mulleres que están vivindo do Banco de alimentos", apunta. Nos últimos anos, acrecenta, "empobrecéronse moito as mulleres e cada día empobrecense máis". 

No número 120 do semanario Sermos Galiza debruzarémonos sobre o Plan Realoxa aprobado por Alberto Núñez Feijóo en 2012. As mulleres en situación de violencia machista fican excluídas dun tratamento específico neste programa, como lle confirmaron á Rede contra os Malos Tratos de Vigo desde o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Aliás, das 500 vivendas habilitadas hai dous anos só 37 foron adxudicadas até o de agora.

Contámoscho todo no semanario en papel. Esta quinta feira nos quiosques.