A Xunta defende unha vacinación en base ao “criterio de idade” fronte ao de “grupos profesionais”

Comeza a vacinación das persoas maiores de 80 (Foto: Xunta da Galiza).
O conselleiro explicou a abstención na reunión do Ministerio coas comunidades en relación á nova estratexia de vacinación

O conselleiro de  Sanidade, García Comesaña, xustificou a abstención de Galiza na reunión do Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas en relación á nova estratexia de vacinación porque aposta por "vacinas canto antes por criterio de idade".

Así o manifestou en declaracións aos medios con motivo da súa presenza nun acto en Abegondo preguntado pola reunión desta cuarta feira do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, onde  Comesaña comentou que "hai un punto importante xa que se validou a estratexia cinco de vacinación".

Respecto diso da votación sobre a mesma na reunión da xornada anterior, o titular de  Sanidade explicou "Galiza abstívose na votación" porque fronte a esta versión da estratexia que aposta por grupos profesionais, defende "vacinar canto antes por criterio de idade".

"Vacinar por grupos profesionais ou de enfermos xera moito ruído e moita comparación", lamentou o conselleiro de  Sanidade, "o mesmo coa listaxe de patoloxías a vacinar", abunda, porque "algún colectivo pensará que non está incluído".

"Parece que isto nos afasta do obxectivo de vacinar canto antes e a xente de máis idade", insistiu o conselleiro, quen concluíu que resulta "necesario vacinar rápido e por idade".