A Xunta declarará "iniciativa empresarial prioritaria" un proxecto de metanol verde en Mugardos

Visita de Alberto Núñez Feixoo á planta de Forestal do Atlántico en Mugardos. (Foto: Europa Press)
Alberto Núñez Feixoo resaltou que "esta é unha iniciativa que a Xunta vai protexer, impulsar e coidar".

O aínda presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, informou de que declarará "iniciativa empresarial prioritaria" un proxecto para construír unha planta de metanol verde en Mugardos, na xuntanza do Consello da Xunta desta quinta feira.

Forestal do Atlántico é a promotora deste proxecto, no que o Goberno galego prevé investir máis de 130 millóns de euros.

Así o avanzou Feixoo durante unha visita ao complexo industrial da empresa en Mugardos, onde catalogou este proxecto como "verde, viábel, sostíbel, que dinamiza e ademais crea emprego".

As previsións de Forestal do Atlántico apuntan a que a planta estaría operativa en 2025 e que podería supor "a creación de 40 postos de traballo directos e uns 80 indirectos".

30.000 ou 40.000 toneladas anuais

Segundo afirmou Feixoo, o proxecto conta cunha estimación de produción de "30.000 ou 40.000 toneladas de metanol verde". "Pódese ir a máis a partir do dióxido de carbono capturado nas instalacións da propia empresa, ademais da produción hidróxeno utilizando enerxía eléctrica de orixe renovábel". engadiu.

O presidente galego manifestou que "o obxectivo é licuar e almacenar para a súa comercialización até 60.000 toneladas anuais durante o proceso de oxíxeno, logrando abastecer a planta e exportar".

Feixoo resaltou que "esta é unha iniciativa que a Xunta vai protexer, impulsar e coidar". O Exeuctivo xustifica a declaración de interese empresarial prioritario para "facilitar toda a súa tramitación e que se poida facer no menor tempo posíbel e con toda a seguridade xurídica".