Coronavirus: Xunta declara a emerxencia sanitaria na Galiza

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta desta quinta feira (Arxina).

Feche de bares, restaurantes e cafeterías para atención ao público. A medida non afecta ao comercio minorista de produtos de primeira necesidade mais si ao resto. Os centros comerciais só poderán abrir as zonas de alimentación.

 

Núñez Feixoo compareceu na tarde desta sexta feira e após o Consello da Xunta extraordinario para informar de que declaraba a emerxencia sanitaria na Galiza e que se activaba un plan territorial de emerxencias, con el como mando, e con competencias para ditar medidas que poidan afectar a dereitos dos cidadáns dentro do que limite a lei. Desde confinamento a evacuación ou control de accesos, especificou Feixoo na súa intervención, feita en español.

O presidente  desvelou as primeiras medidas aprobadas polo Goberno galego e que terán unha duración inicial de 14 días a partir das 00:00 horas: feche de bares, restaurantes e cafeterías para atender ao público se ben si que poderán manter o envío a domicilio ou a recollida de pedidos por clientes (mais sempre cumprindo uns requisitos). Esta medida non afecta, dixo, nin a establecementos hostaleiros nin a restauración ligada aos mesmos sempre que sexa para dar servizos a clientes.

Tamén fechan os comercios agás minoristas de produtos de primeira necesidade, de panaderías a peixerías, carnicerías. Froterías, pasando por quioscos e gasolineiras.  

No que atinxe a grandes superficies, Núñez Feixoo dixo que só poderá estar aberto aqueles espazos ligados á alimentación e apuntou o feche de salas de concerto, discotecas, pubs, furanchos.

Tamén falou o presidente de que se fixaban condicións para os funerais: aforo máximo de un terzo do tanatorio e o cortexo de acompañamento fúnebre non pode superar as 25 persoas.

Feixoo explicou que a adopción destas medidas, que poden ter novos anuncios nestes días, adoptáronse en base á información agecada por expertos, nas recomendacións de organismos internacionais ("piden medidas máis drásticas") e no marco da "folla de ruta" do Goberno español.

A trespecto do mantemento ou adiamento das eleccións do 5-A, o presidente manifestou que "non hai ningún galego preocupado polas eleccións" e remitiu á xuntana que esta segunda feira manterá cos representanets dos diferentes partidos. 

"Distanciamento social"·

Feixoo falou de "distanciamento social" e mandou unha mensaxe: "as persoas que veñen doutras comunidades non poden vir a Galiza a pasar uns días, a ir de bares e restaurantes". E, dixo, "con cariño: que fiquen nas súas casas" para evitar "estender o virus".