A Xunta da Galiza retrasa até 23 meses a valoración das discapacidades

(Foto: Europa Press)

O Goberno galego incumpre os prazos fixados pola súa lexislación

A valoración da discapacidade é un tramite imprescindíbel para o recoñecemento administrativo daqueles condicionantes que limitan ou impiden a unha persoa desenvolver a súa vida de forma autónoma. A súa aprobación e concreción determina o aceso a unha serie de axudas públicas para os demandantes e nalgúns casos á propia xubilación anticipada por razóns de saúde. Neste último suposto, o órgano de valoración debe fixar para o solicitante unha minusvalía superior a 65%, atendendo a criterios de mobilidade, capacidades propias para actividades físicas e funcionais  ou control do sono.

O marco normativo para o procedemento está fixado pola Orde de 25 de novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Así, o seu artigo 8 recolle que “o procedemento para o recoñecemento do grao de discapacidade resolverase no prazo máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a instrución e resolución do expediente”. Pola súa banda, o artigo 9 sinala que “no suposto de vencemento do prazo máximo establecido sen ditarse resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo”.

A Xunta incumpre os prazos legais

A Xunta incumpre os prazos fixados pola lexislación para resolver estes procedementos. Segundo a información achegada pola Administración galega e recollida no informe da Valedora do Pobo, en setembro de 2020, “na Coruña e Ferrol estábanse a resolver as solicitudes sen prioridade de novembro de 2019 (dez meses despois); en Santiago, as de febreiro de 2019 (un ano e sete meses despois); en Lugo, as de agosto de 2019 (un ano e un mes despois); en Ourense, as de xuño de 2020 (tres meses despois); en Pontevedra, as de outubro de 2018 (23 meses despois); e en Vigo, as de novembro de 2018 (22 meses despois)”.

A gravidade da situación é obxecto de críticas por solicitantes de discapacidade e pola súas entidades representativas. Así, o Comité Español de Representantes de Persoas con Minusvalías (Cermi) denuncia que os retrasos na Galiza están por riba da media do Estado. Neste sentido, advirte que o tempo de agarda aproximado para o conxunto estatal é de 10,4 meses, un período de espera superado por Canarias, Andalucía, País Valenciá, Illes Balears e Galiza. Na mesma liña, reclaman ás autoridades galegas máis medios nos equipos de valoración para axilizar os procedementos.

A gravidade da situación é obxecto de críticas por solicitantes de discapacidade e pola súas entidades representativas

O Goberno galego recoñece esta situación e responsabiliza da mesma á falla de persoal nas unidades da Consellaría de Política Social encargadas desde traballo. Actualmente, Galiza conta con unidades de valoración na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, sinalando a Xunta que máis medios “permitirán a drástica redución da lista de agarda e a recuperación dos prazos de resolución desexábeis”. Porén, as medidas de reforzo deste servizo postas en marcha nos últimos tempos amósanse insuficientes, sinalando a Valedora do Pobo que “a Consellaría de Política Social indicara medidas como o reforzo do persoal dos equipos de valoración e a creación de novos equipos, que despois cesaron e se activaron de novo. Comprobamos que con iso melloraron os tempos de resposta, pero seguían os retrasos.

A institución da Valedora do Pobo maniféstase no seu informe de 2020 moi crítica co funcionamento deste servizo. A modo de conclusión, destaca que “por tanto, continúan os retrasos respecto do prazo de tres meses. Os retrasos non afectan a todas as valoracións, só as estándares, isto é, as que non teñen ningún motivo para lles dar prioridade de acordo coa normativa vixente”. Ao tempo, lembra que fica “pendente a conformación de dous equipos adicionais de reforzo en Vigo”, unidades anunciadas no seu momento pola Consellaría de Política Social que a Administración galega non ten posto en marcha.