A Xunta da Galiza advirte dunha sétima onda da Covid

A Xunta da Galiza aposta por un acordo estatal para poñer unha cuarta dose da vacina contra a Covid ás persoas maiores de 80 anos. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Poderíase falar dunha sétima onda da pandemia da Covid na Galiza, a Consellaría de Sanidade incluso cree que a incidencia está ao nivel do pico máximo de toda a pandemia.

Poderíase falar dunha sétima onda da pandemia da Covid na Galiza, nun contexto no que a incidencia no país está a subir dunha maneira importante. As persoas hospitalizadas con Covid-19 na Galiza ascenderon até as 745. Son 70 máis que as rexistradas na xornada do sábado. 

A Consellaría de Sanidade incluso cree que a incidencia está ao nivel do pico máximo de toda a pandemia. “Calculamos que estamos en valores similares aos de xaneiro”, dixo esta segunda feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

Segundo os datos actualizados ofrecidos pola Consellaría de Sanidade, ascenden a 21 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid, dúas máis, e a 724 as ingresadas en unidades convencionais, 68 máis, mentres que as 15.836 restantes fican en seguimento nos seus domicilios. 

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en todas salvo na de Ferrol, cun paciente máis en UCI pero con tres menos en planta.

Polo que respecta aos casos activos, os datos apuntan a un cambio de tendencia, xa que descenden no conxunto do país até os 16.581, 1.406 menos que o sábado pasado.

O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, pois se ben a semana comezou cun reconto de novos contaxios por baixo do millar, aínda que moi próximo a esa cifra, Sanidade informou agora de 852 novos casos abertos nas últimas 24 horas computadas tras detectarse 2.039 desde o pasado sábado. 

Con respecto aos falecementos, desde o inicio da pandemia a Galiza rexistrou un total de 3.345 vítimas diagnosticadas con Covid-19, logo de notificar a Consellaría de Sanidade outros dous falecementos.

Por último, no referente ás residencias de maiores, o último informe do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), con datos actualizados até o 24 de abril, confirma un total de 856 persoas internas nestes centros falecidas desde o inicio da pandemia -o 14 de marzo de 2020 na Galiza-, seis delas na última semana contabilizada, do 18 ao 24 do mes pasado. No conxunto do Estado español a cifra elévase até as 22.652 vítimas mortais.

A Xunta reclama un acordo para unha cuarta dose en maiores

A Xunta da Galiza quere que se autorice canto antes a cuarta dose da vacinación contra a Covid nas persoas maiores de 80 anos, mais non quere tomar a decisión de maneira autónoma, senón que sexa común a todo o Estado español.